A parlamentaria socialista Noela Blanco cualificou hoxe ao conselleiro de Sanidade de “enterrador da sanidade pública de Valdeorras” logo de facer desaparecer a Área Sanitaria comarcal provocando a caída drástica na calidade asistencia. Blanco presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que sinalou que “en Valdeorras queremos un hospital comarcal de primeira e non un ambulatorio de segunda”.
A responsable socialista esixiulle hoxe ao conselleiro que “restableza a Área Sanitaria, que cubra as vacantes de profesionais sanitarios e aprobe de maneira urxente unha modificación do Plan Director” para ampliar o centro, que non recibe novas obras dende 2002. Lembrou que os propios representantes do PP na comarca están apoiando mocións reivindicando persoal para o Hospital e “a veciñanza peta ás súas portas preguntando que están facendo dende Santiago”.
Blanco advertiu que a supresión das áreas sanitarias, recentralizando a de Valdeorras a Ourense, e aquela a Vigo, provoca unha situación de alto risco para os pacientes das zonas afastadas, e explicou que “se un meniño de A Veiga ten precisa dunha cirurxía un sábado ás 5 da tarde terá que percorrer 3 horas para chegar a Vigo pasando por Ourense”. O mesmo tempo, dixo, que precisaría unha veciña de O Bolo que precisara de Hemodinámica despois de infartar.
Sinalou que “os pediatras non son os únicos especialistas dos que hai déficit no Hospital de O Barco”, xa que tamén fallan “médicos de apoio no traslado de pacientes graves, cirurxiáns, anestesistas ou especialistas adscritos ao servizo de rehabilitación”. Denunciou asituación de gardas aleatorias e non continuadas noutras especialidades, como hematoloxía, traumatoloxía ou medicina interna, que provocou o peche temporal da hospitalización a domicilio.