O ministro de Transportes anunciou no Congreso que o Consello de Ministros tratará a próxima semana o procedemento para poñer os descontos en marcha canto antes, unha medida á que os socialistas galegos apuntaron o pasado luns tras a reunión da Executiva e que o propio secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, reiterou tamén o martes pleno do Parlamento galego
O camiño cara a gratuidade da autoestrada AP-9 dará un novo paso o vindeiro martes no Consello de Ministros. O titular de Transportes, Óscar Puente, avanzou esta tarde no Congreso dos Deputados que o Goberno tratará na súa reunión da próxima semana a declaración de urxencia do procedemento para dispor de 26,7 millóns de euros adicionais co fin de elevar os descontos aos usuarios.
Os socialistas galegos xa avanzaron o pasado luns, tras a reunión da Executiva, que se estaba a traballar para atopar a mellor fórmula co fin de dar resposta ao compromiso adquirido polo secretario xeral do PSdeG de continuar no camiño cara a gratuidade da autoestrada, ampliando as bonificacións como primeiro paso. Dende o PSdeG valórase especialmente que o Goberno deseñase os mecanismos necesarios para non ter que agardar uns novos orzamentos, xa que noutras ocasións non se puido contar cos votos de outros grupos e deputados galegos para que medidas deste tipo saíran adiante.
O propio José Ramón Gómez Besteiro invitou esta mesma semana no pleno do Parlamento autónomo aos diferentes partidos a apoiar no Congreso os Orzamentos Xerais do Estado e facilitar así a aplicación de máis descontos. Pero tamén informou de que xa se estaba traballando para implementalos. O mecanismo elixido non precisa, de feito, da aprobación dos Presupostos, senón que engade fondos aos xa dispoñibles coas Contas vixentes.
Tal como explicou hoxe o ministro, o Goberno destinou dende o 2018 máis de 200 millóns de euros a beneficiar aos usuarios da AP-9. En xullo do 2021 aprobou un esquema de reducións de peaxes sen precedentes en ningunha autoestrada do Estado, cun orzamento de 55 millóns ao ano, 127 millóns en total e 56 millóns na amortización da conta de compensación para evitar incrementos extraordinarios de tarifas. A iso súmanse os 83 millóns aprobados no 2006 por outro Goberno socialista e os 15 millóns para limitar a suba dos prezos dende o 2023.
Para materializar a ampliación das bonificacións que se vai acometer proximamente, contempláronse os anteditos 26,7 millóns de euros adicionais sobre o xa comprometido, ata un total de 82 millóns. Con todo, vaise habilitar un procedemento por vía de urxencia para que as reducións das peaxes empecen a realizarse o antes posible, sen depender dos Orzamentos.