A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Noa Díaz, urxiu hoxe á Xunta que convoque o programa de axudas á formación posdoutoral inmediatamente despois da entrada en vigor dos Orzamentos para 2021. Díaz lamentou que o PP rexeitara hoxe esta proposta, demostrando “pouca preocupación e desleixo por unha cuestión crucial para o noso país como é o futuro do noso persoal investigador”.
Estas axudas, que financian dous anos de estadía en universidades europeas, un nun centro galego e outros dous en Galicia xa para desenvolver liñas de I+D+i propias, foron interrompidas polo goberno galego, que aprobou en abril unha prórroga de seis meses nos contratos vixentes retrasando todo o proceso da nova convocatoria. Alertou de que romper coa regularidade das convocatorias provoca a perda de atractivo dos contratos e desprestixia ás institucións.
Reclamoulle ao goberno galego que “tomen en serio a preocupación polo noso tecido investigador” incrementando os fondos de investigación. Explicou que o incremento do capítulo de Fomento da I+D+i en 2 millóns de euros agocha a “trampa” da Consellería por canto a partida aumenta 3 millóns de euros por gastos Covid, polo que “podemos falar en realidade dun millón de euros menos”.
Os socialistas galegos reclamaran ademais contratos – ponte para as persoas candidatas de 2016 e 2017 avaliadas positivamente ata a resolución da modalidade B e para as investigadoras que gozasen de baixas de maternidade na primeira parte do programa para equiparalas co persoal da convocatoria de 2018 co que terán que competir finalmente.
Díaz reclamoulle ao goberno galego que resolva de forma inmediata a situación de desigualdade que se produce coas persoas con baixa de maternidade ou paternidade, que padecen un agravio comparativo ao non poder rematar ao tempo que o resto da promoción, o que supuxo un “tirón de orellas” por parte da Valedora do Pobo.
A Valedora intercedeu por unha das tres investigadoras afectadas por esta situación, esixindo un “maior esforzo” nas medidas correctoras da Xunta para garantir a igualdade das mulleres na actividade científica.
Noa Díaz reclamoulle á Consellería que manteña un encontro con estes investigadores logo de constatar que “nós reunímonos varias veces co colectivo de persoal investigador afectado, e nos aseguran que aínda non foron recibidos por ninguén”.
Explicou que “teñen traballado, coa mellor das intencións e cun carácter unicamente construtivo, na elaboración dun documento que contén unha proposta de medidas reguladoras para garantir a igualdade no acceso ás convocatorias que pregamos sexa tido en conta” xa que “con este documento teñen o traballo feito”, asegurou a deputada.