A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, reclamoulle hoxe á Xunta retome as xuntanzas de traballo para elaborar o Plan Integral da Danza de Galicia, suspendidas polo goberno galego cando se declarou a pandemia. Díaz reclamou “sacar do ostracismo” a unha actividade “tan esquecida que o Goberno galego nin sequera a incluíu no Plan de Reactivación Cultural”.
A responsable socialista considera “incomprensible” que a Xunta “esquecera” retomar os encontros de traballo para rematar coa redacción final do Plan Integral da Danza. Aqueles encontros, que pararon coa declaración da pandemia e o confinamento do mes de marzo, non foron retomados polo goberno galego, cando “outras xuntanzas si que se retomaron de maneira virtual”.
Díaz puntualizou que “ata hai uns días o Agadic non establecera contacto serio algún cos representantes dos colectivos, compañías, festivais e espazos escénicos que estaban a participar no proceso colaborativo de traballo”. Advertiu de que “ao non celebrarse estas xuntanzas en tempo, o sector da danza ten por diante outro ano máis perdido, xa que non puido ver as súas expectativas e necesidades plasmadas nos Orzamentos de Galicia para o presente ano”.
Lamentou o tempo perdido e chamou ao goberno a presentar “un documento final consensuado que por fin recolla accións que permitan situar a danza en condicións de igualdade con outras manifestacións da vida cultural galega” e esixiulle á Xunta que cumpra cun acordo que “o único que pretende é asegurar o compromiso da Xunta de Galicia para co mundo da danza coa fin de que ese Plan Integral tan necesario estea rematado”.