Censura que a decisión de integrar nunha mesma aula ás 18 alumnas e alumnos do centro se tome “en pleno verán” cando as nais e pais “xa non teñen opción de pensar noutro futuro educativo” para as súas fillas e fillos
A deputada socialista Noa Díaz vén de instar á Xunta a que “reconsidere” o peche dunha aula na Escola de Educación Infantil de Sabaxáns no Concello de Brión, logo do anuncio do Servizo de Inspección Educativo de Santiago de Compostela a mediados do mes de xullo. Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia.
“Brión é un concello en expansión demográfica, co que é moi probable que o próximo ano esta aula teña que volver ser desdobrada en dúas porque haberá máis alumnado na escola”, argumentou a socialista logo de incidir en que a unificación de todo o alumnado da escola nunha mesma aula “supón un sacrificio innecesario no modelo pedagóxico que pagarán, sobre todo, as alumnas e alumnos do último curso, en proceso de preparación para Primaria”.
Ademais, a responsable socialista sinalou que na futura aula única, entre as 18 alumnas e alumnos, “haberá dous estudantes con necesidades educativas especiais, un deles non debidamente diagnosticado malia aos múltiples requirimentos realizados pola profesora do centro”, polo que, neste contexto, “será realmente complicado un desenvolvemento axeitado do curso”.
Con todo, Díaz censurou que esta decisión se comunique “en pleno verán” cando as nais e pais “xa non teñen opción de pensar noutro futuro educativo” para as súas fillas e fillos. “Non é de recibo”, concluíu.