Categorías: ActualidadeNovas

Julio Torrado salienta que o Estado volve bater o récord de prazas MIR convocadas e esíxelle á Xunta que active un plan para que os profesionais formados en Galicia queden a traballar no Sergas

O voceiro de Sanidade contrapón a “falta de compromiso do goberno de Rajoy” coas crecentes cifras de prazas MIR convocadas dende a chegada ao goberno de Pedro Sánchez

O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe que á Xunta que poña en marcha canto antes un plan de vinculación que facilite que os novos profesionais médicos que se formen en Galicia a través do MIR queden a traballar en condicións estables no Sergas.

O deputado do PSdeG lanza esta petición xusto cando se acaba de coñecer que o goberno de Pedro Sánchez vén de bater, por terceiro ano consecutivo, o ŕecord de prazas MIR convocadas para todo o Estado. En concreto, no que se refire á nosa comunidade, habilitáronse un total de 543 prazas, que son 52 máis que o ano pasado. A convocatoria beneficia de maneira especial á atención primaria e a medicina de familia, con 140 prazas, o que supón un 40 por cento máis que durante a etapa do PP.

Por iso, Julio Torrado contrapón estas cifras coa “patente falta de compromiso” que houbo durante os gobernos presididos por Mariano Rajoy, unha etapa durante a que non houbo nin un só ano no que se incrementasen as prazas MIR. “Tivo que ser o goberno socialista o que dese resposta a esta eiva”, afirma, “nun contexto no que cada vez queda máis claro a necesidade de fortalecer o sistema sanitario e os servizos públicos”.

Así, o deputado do PSdeG incide en que a Consellería de Sanidade debe aproveitar o novo escenario que se abre coa convocatoria de novas prazas MIR para abandonar a “lamentable” e “cicateira” política de recursos humanos que mantén dende hai anos e que “o único que está conseguindo é expulsar da nosa Comunidade aos profesionais sanitarios que se forman nela”. Como evidencia desta situación, Julio Torrado explicou que só o 20 por cento dos MIR que chegan a Galicia acaban sendo profesionais estables do sistema galego, fronte a un 80 por cento que non.

O voceiro de Sanidade do PSdeG achaca estes malos números a que “somos a segunda peor comunidade en condicións salariais” e a que “temos un sistema deficitario en termos de persoal -comparativamente moito peor que en España- porque as condicións de recursos humanos que se ofrecen son lamentables”.

Ao fío disto, Julio Torrado indica que se fai “absolutamente imprescindible” que o goberno galego “faga xa os seus deberes” e que “implemente canto antes as medidas necesarias para propiciar que o investimento en formación médica que realiza Galicia teña a rendibilidade social esperada coa súa incorporación ao Sergas”. Neste contexto, insta ao goberno da Xunta a tratar mellor aos profesionais médicos” porque “só con mellores condicións laborais van quedar a traballar en Galicia”.

Julio Torrado lembrou, por último, que en Galicia hai mil profesionais menos que en 2009 en atención primaria e que durante todo o mandato de Feijoo deixaron de pedirse 150 prazas de MIR en medicina de familia e comunitaria.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18