O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe á Consellería de Sanidade que vacine de inmediato a tódolos profesionais sanitarios que quedaron sen recibir a súa dose na primeira fase do proceso. Torrado presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reforzar o proceso de vacinación duplicando o volume de enfermeiras e enfermeiros que participan na campaña da covid.
Julio Torrado sinala que, malia que o procedemento “está sendo satisfactorio”, en Galicia estanse a rexistrar “interrupcións e alteracións do procedemento”. Nesta Comunidade Autónoma, dixo, existen “profesionais sanitarios non vacinados a comezos de marzo”, que coinciden con “situacións rexeitables nunca explicadas como a vacinación da alcaldesa de Boimorto ou da conselleira delegada de DomusVi cando non lles correspondía”.
Apuntou que “entre estes problemas atópanse profesionais como os que atenden en clínicas concertadas, que tamén están en contacto directo cos pacientes, ou os sanitarios dos centros penitenciarios, que non teñen marcado nin o inicio do seu proceso”. Sinala que “estas lagoas son dificilmente explicables” cando segundo os anuncios da Xunta estarían todos vacinados a primeiros de marzo, pero aínda quedan sanitarios sen ter recibido nin a primeira dose.
Esta situación, conclúe, “evidencia que existen aínda eivas que mellorar no proceso máis importante ao que o sistema tense enfrontado”, polo que lle reclama ao goberno galego que “inicie de inmediato” a vacinación dos profesionais sanitarios aínda sen vacinar, “sexan da especialidade que sexan e traballen no centro que traballen”.
Contratación extraordinaria
Torrado alerta de que a contratación extraordinaria de 207 enfermeiras para substituír a aqueloutras destinadas ao proceso de vacinación estase a demostrar limitada de cara á maior complexidade da nova fase do proceso de vacinación. Reclama por iso duplicar a contratación de profesionais para substituír nos seus postos orixinais ás enfermeiras e enfermeiros que serán asignados a subministrar as vacinas.
Sinala que na nova etapa “o proceso vaise desenvolver en todo o territorio de maneira máis estendida, con menores posibilidades de afrontar a poboación concentrada en residencias ou hospitais”. A partires de agora, avisa, vai ser preciso “coordinar citas, aglomeracións ou atencións a domicilio”, polo que “precisará da participación de máis profesionais de atención primaria, malia o que “non están previstas novas contratacións para suplir estas dedicacións”.
O parlamentario socialista explica que a situación actual “pode redundar nunha perda de capacidade asistencial ordinaria na atención primaria, xa de por si saturada e con problemas derivados da atención non presencial”. Lamentou que a Xunta teña dedicado “menos recursos e esforzos a vacinar dos que teñen dedicado a queixarse e confrontar con outras administracións”.