Categorías: ActualidadeNovasParlamento de GaliciaPortada

Julio Torrado lamenta que o PP se negue a ampliar a Lei de garantías para limitar as esperas en atención primaria a un máximo de dous días

O voceiro de Sanidade defendeu hoxe a proposición de lei do PSdeG con medidas para “obrigarnos a ser mellores” e potenciar a calidade asistencial para pacientes e profesionais

O PP votou en contra de tomar en consideración unha iniciativa que propoñía evitar as derivacións á sanidade privada, determinar os centros prioritarios para o reforzo de persoal ou establecer un máximo de procesos asistencias diarios

O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, defendeu hoxe a proposición de lei elaborada polo PSdeG para potenciar, equilibrar e mellorar a calidade asistencial no sistema de atención primaria de Galicia. “Non se trataba”, resumiu Torrado, “de facer unha revolución”, senón de equiparar a atención primaria ao resto do sistema asistencial e, sobre todo, de “obrigarnos a ser mellores”.

Con esta filosofía, a iniciativa pretendía contribuír a repensar un modelo “caduco e sobrepasado” e a resolver as eivas e debilidades que se viven dende hai anos. Eses problemas víronse acentuados pola pandemia e os recortes e reflíctense de maneira moi visible nos elevados tempos de agarda para unha consulta. Porén, o PP votou en contra de tomar en consideración esta proposta e, en consecuencia, de limitar por lei a un máximo de dous días a espera en atención primaria.

Ese era, precisamente, unha das principais medidas que recollía a proposición de lei do Grupo Socialista, na que tamén se reclamaba ampliar as posibilidades de demanda de probas diagnósticas para os profesionais de primaria ou contratar máis persoal en aqueles centros que presenten máis demoras de maneira recorrente.

AS MEDIDAS SOCIALISTAS PARA MELLORAR A ATENCIÓN PRIMARIA

Polo miúdo, e de cara a acadar ese obxectivo de mellorar a calidade asistencial, a proposta socialista sustentábase en varios eixes fundamentais.

O primeiro pasaba limitar o tempo de espera en atención primaria para unha consulta a un máximo de dous días. Pretendíase así establecer un tope de agarda, tal e como xa existe para a atención hospitalaria. Eses dous días, ademais, constituían unha proposta “flexible”, que permitiría “priorizar” e que, ademais, se axustaba á realidade, xa que “é, segundo o propio Conselleiro, a media de atención primaria en Galicia”.

Por outra banda, tamén se buscaba evitar que se puidesen resolver esas demoras redirixindo aos pacientes á sanidade concertada, “o que é un pouco trampa”. Nesta liña, Julio Torrado reivindicou a contratación de máis persoal para que, dende o sistema público, se poida atender “máis rápido e mellor” prohibindo recorrer a esas derivacións á sanidade privada.

A proposición de lei do PSdeG tamén incluía a proposta de que a contratación de profesionais “non sexa aleatoria”, senón que se determinen cales son os centros prioritarios “para poñer os recursos onde se precisan”. Nesta liña, Torrado avogou por avaliar e analizar as súas necesidades e que, á hora de contratar, se teñan en conta as demoras que presentan. En concreto, defendeu que o reforzo de persoal se realice de maneira prioritaria naqueles centros onde se superen de maneira recorrente as agardas de máis de dous días para unha consulta.

A maiores, Julio Torrado tamén reivindicou o establecemento dun máximo de procesos asistencias diarios por profesional. “Os médicos”, remarcou, “necesitan tempo para atender correctamente aos seus pacientes” e, por iso, “é preciso definir regulamentariamente unha ratio que determine a cantas persoas pode atender por día”.

Finalmente, o deputado socialista sinalou que, entre as achegas que recollía este proposición de lei, tamén estaban as de definir un equilibrio entre a capacidade influencia da atención primaria e a atención hospitalaria nos entornos de xestión. Ademais, reclamaba incrementar a capacitación dos profesionais cun novo catálogo de probas diagnósticas, o que permitiría que “non estean sometidos a un sistema que lles obriga a pedir permiso para pedir ou realizar probas”.

A SITUACIÓN ACTUAL: MENOS PERSOAL, MENOS INVESTIMENTO E MÁIS XENTE NA PRIVADA

Na súa intervención Julio Torrado alertou de que o actual sistema presenta un problema de modelo, que “está sobrepasado e caduco”, e de recursos, sobre todo por falta de profesionais e investimento.

No primeiro eido, incidiu en que o modelo “xa non vale” porque “pretendemos atender á poboación cun sistema que se deseñou nos anos 80 e 90”. Ese sistema é “médico-centrista” e acaba xerando unha sobrecarga das consultas na que que os facultativos se ven obrigados a realizar labores de distribución, a atender urxencias constantes e a pasar boa parte do tempo desenvolvendo traballo administrativo e burocrático.

Fronte a isto, Torrado apostou por implantar un modelo que se asemelle máis a unha triaxe en atención primaria, no que se conecte a saúde mental coan atención primaria, no que se dote de maior capacitación as enfermeiras e enfermeiros e  no que haxa unha maior cantidade de persoal administrativo formado que poida colaborar para desatascar as consultas. “Fan falta profesionais en moitos planos, pero o problema é que non hai vontade de contratar”, lamentou.

Por iso, apostou por unha multidisciplinariedade real. “A Atención Primaria”, defendeu Torrado,  “non é onde so están os médicos de primaria, senón que é un espazo onde hai una atención que precisa de moitos outros profesionais”. Así, fronte as tímidas e insuficientes medidas dos últimos anos, avogou por incorporar fisioterapeutas, podólogos ou traballadores sociais. “Iso é a atención primaria”, subliñou, “ e non só a consulta do médico, que é o modelo dos anos 80”.

Canto aos recursos, Julio Torrado enumerou os “datos contundentes” que evidencian que Galicia precisa incrementar a contratación de persoal e os investimentos para atención primaria.

Nesta liña, lembrou que Galicia se atopa na metade inferior das comunidades autónomas de en gasto por habitante en sanidade, con 1.679,26 euros. As máis altas son Euskadi, Asturias e Navarra, e no furgón de cola atópanse Murcia, Andalucía e Madrid, “casualmente todas elas gobernadas polo Partido Popular”. Por iso, “cando vostedes din que non hai que facer política coa sanidade, o que en realidade queren dicir é que non queren que os demais a fagan”.

A maiores, incidiu en que os orzamentos da Xunta demostran que entre o ano 2009 e o 2022 hai 976 profesionais menos. En concreto pasouse de 9.610 en 2009 a 8.634 na actualidade. Neste contexto, ademais, a Xunta de Galicia tamén deixou sen formar a 151 profesionais nos últimos dez anos, ao renunciar voluntariamente a convocar 151 prazas MIR “sen que ninguén dese ningunha explicación”.

Julio Torrado alertou de que esta situación está tendo como consecuencia un aumento do paso dos usuarios á sanidade privada. Hai cinco anos, era un 13 por cento dos galegos e galegas os que escollerían ir á sanidade privada. “Hoxe esa porcentaxe xa está no 19 por cento, incidiu. Ademais, no último ano incrementouse nun 20 por cento aqueles que contrataron un seguro privado.

En conclusión, “menos persoal, menos investimento e aumento do paso das persoas á sanidade privada”, zanxou Julio Torrado.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Julio Abalde reclámalle á Xunta que “poña as pilas” e elabore un Plan estratéxico diante da caída da produtividade marisqueira

Reivindica axudas para garantir a supervivencia dun sector estratéxico para Galicia   O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio…

15/05/2024 14:38

Paloma Castro acusa á Xunta de “retroceder máis de 20 anos” nas política de Igualdade por seguir as teses da extrema dereita

Censura a devaluación da antiga Secretaría Xeral de Igualdade no novo goberno e alerta de que a reintegración do concelleiro…

15/05/2024 14:05

Besteiro esíxelle a Rueda “valentía” para atender ás demandas de transparencia formuladas pola Valedora e o Consello de Contas

Repróchalle ao presidente da Xunta que o PP se descolgara onte dun acordo parlamentario para pedir a continuidade das bonificacións…

15/05/2024 11:56

O Parlamento aproba a proposta socialista para instar á Xunta a promover políticas que impulsen a incorporación da muller ao traballo de calidade

Carmen Rodríguez Dacosta criticou que o PP, cando chegou ao Goberno no 2009, “eliminou todas as políticas de igualdade no…

14/05/2024 20:09

O PP vota no Parlamento en contra das bonificacións ás peaxes

Carlos López Font presenta no Parlamento como emenda o acordo de investidura coa proposta “sensata e coherente” para ir cara…

14/05/2024 19:35

O Parlamento aproba unha proposta socialista para reclamarlle ao PP que levante o bloqueo á renovación do CXPX

Paloma Castro denuncia a “utilización política” con Consello Xeral do Poder Xudicial por parte do PP e reclámalles que cumpran…

14/05/2024 19:23