reclama “volver á casilla de saída” para recuperar o “entendemento e consenso” en base a datos propios actualizados
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamento hoxe que o novo conselleiro do Mar teña amosado a súa intención de continuar coa mesma xestión da anterior dirección no conflito da mexilla. Torrado presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lembrou a canción de Julio Iglesias “La Vida Sigue Igual” e advertiu que ese camiño “acabou cunha conselleira do Mar fuxindo a unha provincia do interior”.
O responsable socialista apelou á candidatura da conselleira do Mar na lista electoral do PP por Ourense, a única provincia galega que non ten mar, porque “a ver quen facía campaña con ela nun porto de mar”. Este foi o resultado, dixo, da estratexia de buscar a confrontación entre bateeiros e percebeiros polos lugares de extracción da mexilla, que logo de que a Xunta entrara “como elefante en cacharrería” se viron enfrontados logo de 60 anos de convivencia.
Advertiu que dun lado os percebeiros séntense “atacados e inseguros”, e do outro os bateeiros “afectados e ninguneados”, ata que finalmente se puxeron “todos de acordo en que a culpa é da Consellería”. Esixiulle ao novo conselleiro un novo enfoque polo ben do sector, e advertiu que “se pensa que xa pasou todo, non está a entender o problema dos produtores co seu produto e de todo un sector comercial coa caída da calidade”.
Apelou á “necesidade de reformular un sector que dende a Consellería están botando para abaixo e afundindo no mar”, e reclamou “volver á casilla de saída” para atopar unha solución de consenso en base a “datos actuais e propios” e habilitando a “participación dos afectados sen imposicións”.