Categorías: ActualidadeNovasParlamento de GaliciaPortada

Juan Carlos Francisco censura que o PP aproveite a lei de acompañamento dos orzamentos para modificar todo tipo de normas con “emendas kafkianas” e privando ao Parlamento das súas funcións

Denuncia o abuso dun “mecanismo anómalo” que “escapa da ética da estética e non é excesivamente democrático”

O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco Rivera, denunciou hoxe que o Partido Popular volva aproveitar a Lei de medidas fiscais e administrativas para volver modificar “de xeito sistemático” todo tipo de normas á marxe de cuestións orzamentarias e introducindo incluso “emendas kafkianas” que impiden que a oposición presente emendas ás emendas do PP.

En concreto, o parlamentario do PSdeG censurou que na coñecida como lei de acompañamento se cambien este ano un total de 30 normas cun procedemento do que “non discutimos a súa legalidade”, pero que “adolece de vicios importantes en canto á súa tramitación” e que “escapa da ética, da estética e non é excesivamente democrático”. Nesta liña, Juan Carlos Francisco criticou que se siga a empregar un mecanismo que “priva a este Parlamento das funcións que ten encomendadas” e que pasan por “tramitar leis a través dun procedemento regrado”.

Lonxe disto, o deputado socialista incidiu en que unha vez máis vólvense modificar todo tipo de normas “nun debate apurado e nada sosegado, que impide reflexionar sobre o que se cambia e definir con rigor as necesidades do que precisa o país”. Ao mesmo tempo, subliñou que, deste xeito, se prescinde de informes preceptivos, como o do Consello Económico e Social, e de informes sectoriais das distintas consellerías no ámbito da súa competencia.

Así, lamentou que o PP e a Xunta utilicen ao Parlamento como “cómplice do poder executivo para branquear todo aquilo que non son capaces de traer para debater cun mínimo de rigor”. Isto, subliñou, “afecta á seguridade xurídica e á transparencia, ademais de furtar o debate e a participación pública, que é fundamental”

De maneira específica, Juan Carlos Francisco aseverou que “estamos facendo debates falsos sobre asuntos fundamentais e importantes, como a Lei de saúde pública”. Esta é, precisamente, unha das normas que -despois dos seus problemas de constitucionalidade- se modifican “a escondidas, no medio doutras trinta, pasando de esguello por unha cuestión fundamental que se debería debater neste Parlamento de xeito normalizado e non ás agachadas”.

A maiores, Juan Carlos Francisco subliñou que o abuso deste mecanismo “non se acompasa coa bagaxe lexislativa desta Cámara na última lexislatura”, onde só se aprobaron 9 leis polo procedemento ordinario e se modificaron 112 a través da lei de acompañamento dende 2017.

A POLÍTICA FISCAL DO PP SEGUE A BENEFICIAR ÁS RENDAS MÁIS ALTAS

Juan Carlos Francisco explicou na súa intervención que o PSdeG presentou 60 emendas en distintos bloques Lei de medidas fiscais e administrativas, con especial incidencia no eido fiscal, no do emprego e na regulación dos montes veciñais en man común.

No eido fiscal, lamentou que o Partido Popular siga a lexislar para “beneficiar ás rendas altas, estrangulando a tarifa e prexudicando á progresividade fiscal que defendemos os socialistas”. Por iso -fronte á propaganda da Xunta que sostén que as súas medidas benefician ao conxunto dos galegos- Juan Carlos Francisco evidenciou que a reforma do IRPF, por exemplo, supón 12 euros ao ano de rebaixa un salario medio en Galicia e de 500 para aquelas persoas que gañan máis de 100.000 euros.

Por outra banda, o deputado socialista puxo en valor as contribucións do Grupo Socialista á lei de acompañamento. Neste caso, salientou que se aceptase a transacción sobre o traslado por razóns de violencia de xénero no caso dos empregados públicos.

Tamén se chegou a acordos sobre a situación dos montes veciñais en man común porque “a súa realidade social cambiou nos últimos anos”, de aí que “sería bo que se modifique a lei do ano 89 e se consensúe cos comunidades veciñais, co sector e coa Fegamp”. Dende logo, apuntou “non é de recibo que ano tras ano introduzan emendas neste ámbito que causan inseguridade xurídica”. Con todo, “entendemos que en casos de abandono a xestión cautelar e provisional se faga pola propia Xunta ou o propio Concello, se así se acorda, e sempre en beneficio da comunidade de montes”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04