O deputado socialista Abel Losada cualificou hoxe de “indecente” o “engano” do goberno galego coa construción da Vía de Altas Prestacións entre Tui e A Guarda. No debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, lembrou que a Xunta leva oito anos facendo “nada” nunha infraestrutura que tiña previsto o seu remate en 2013 logo de baleirar os orzamentos previstos para redirixir 3,5 millóns de euros a outras obras.
O responsable socialista sinalou que esta infraestrutura supón “un caso lamentable de incapacidade absoluta” demostrada polo goberno galego, cun primeiro tramo, o enlace Areas – Tomiño, de 3 quilómetros que enlazan “a nada coa nada”. Comparou a situación desta estrada coa Plisan, que se converteu “nunha charca de 1 quilómetro cadrado e 20 metros de profundidade para que aniden as aves migratorias”.
Reclamoulle á conselleira de Infraestruturas que dea conta das súas previsións para mellorar o segundo tramo, Tomiño – Goián, de 14 quilómetros cunha densidade de 14.453 vehículos diarios, ou se “será outro Plan – show para aproveitar o trazado con rotondas”.
Losada esixiu “calendarios verosímiles” para un proxecto que a ansiedade propagandística do goberno galego converteu nunha “vergoña”, obviando as necesidades de comunicación por estrada dunha área que aglutina a 45.000 habitantes.