O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, denunciou hoxe a excesiva “laxitude temporal” nas previsións do goberno galego para construír o desdobramento da Vía de Altas Prestacións entre Nadela e Sarria. Álvarez presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lembrou que a obra, incluída no Plan Move, estaba prevista para 2015 e aínda non comezou.
O parlamentario lugués sinalou que, de acordo cos orzamentos previstos pola Xunta para o próximo ano, as obras tampouco comezarán en 2019, xa que tan só prevén un millón de euros para 2019 –e 16 millóns para os anos sucesivos-. Así, o próximo ano só disporán do 5 por cento do orzamento total, o que “tan só da para facer o papeleo da obra, non a que vexamos á maquinaria concluíndo o desdobramento”.
Advertiu que os veciños “merecen unha resposta máis concreta” sobre as datas previstas para a execución da infraestrutura “ou cando menos aproximada cun erro inferior aos 5 anos”, ironizou lembrando o retraso acumulado por tódalas infraestruturas previstas no Plan Move.
Explicou que se trata dunha vía estratéxica para a provincia de Lugo, que serve de conexión prioritaria con Ourense e Monforte, como revela o incremento de tráfico da VAP actual, que aumentou un 10 por cento logo da súa apertura, fronte á media de Galicia, cun incremento medio dun 2 por cento.