O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu a Feijóo a dar conta na Cámara da situación das residencias de maiores onde hai contaxios da covid-19, a detallar o material de protección dispoñible en Galicia e a informar das súas medidas nos eidos económico e social fronte a esta pandemia.
Despois de denunciar que hai máis dun mes da única comparecencia de Feijóo no Parlamento dende o inicio do estado de alarma, Gonzalo Caballero contrastou que no mesmo tempo leva máis de vinte roldas de prensa.
“Parece que a Feijóo lle sae sarpullido por ir ao Parlamento”, recalcou o líder dos socialistas galegos, para reclamar a Feijóo que “estea á altura do acordo que lle posibilitou ser presidente de xeito interino” a pesares da disolución da Cámara con motivo da súa decisión de adiantar as eleccións.
De feito, Gonzalo Caballero advertiu de que Feijóo ten que “acudir á sede da soberanía popular”, toda vez que se atopa nunha posición “aestaturia e aconstitucional” tralo acordo para aprazar as eleccións. “Non pode seguir nesta fuxida cara adiante”, incidiu.
SITUACIÓN DAS RESIDENCIAS
“Feijóo ten que falar das súas competencias: da situación da sanidade pública e das residencias e da crise económica derivada da pandemia”, subliñou o máximo dirixente do PSdeG, para requirir a Feijóo que “non aproveite o cheque de confianza que lle demos para non render contas”.
“O que máis nos preocupa son as residencias: Feijóo ten que explicar o que ocorreu, como entrou o virus nos centros de maiores, que medidas non tomaron os donos das residencias e a Xunta para que sexan o lugar con máis contaxios e co nivel de falecementos máis elevado”, enfatizou.
CALENDARIO ELECTORAL
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero deixoulle claro a Feijóo que non pode aproveitar a situación para buscar “vantaxismo político” e esixiu “transparencia” sobre o calendario electoral que está barallando
“Para nós o prioritario é a batalla fronte ao coronavirus, pero Feijóo sempre antepón os intereses do PP”, evidenciou o máximo dirixente socialista en Galicia, consciente de que Feijóo ten “unha estratexia oculta”.
AVANCES NO DESCONFINAMENTO
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG celebrou os “avances” no desconfinamento que permitiron xa a saída dos máis pequenos durante unha hora ao día, pero chamou a “seguir sendo responsables e prudentes”.
“Non podemos afrouxar agora”, sinalou Gonzalo Caballero, cando se cumpren seis semanas de confinamento para “limitar a curva de contaxios e frear o risco sanitario”.