O secretario xeral apela a respaldar a constitución dun goberno “forte e cunha axenda progresista” que poida “traballar para resolver os problemas deste país”
Vigo, 23 de novembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu hoxe a votar á súa agrupación, a de Vigo, na consulta á militancia sobre o acordo de goberno entre o PSOE e Unidas Podemos.
“Damos un si ao avance, damos un si ao progreso e damos un si a frear a unha ultradereita que pon en risco a modernización de España e a nosa convivencia”, esgrimiu o líder dos socialistas galegos, partidario da formación dun goberno progresista que “desbloquee” a situación política.
“Os socialistas gañamos as eleccións xerais en novembro, ao igual que as gañamos en abril, e a única opción para que haxa un goberno progresista e con posibilidades de resolver os problemas do país é un goberno liderado por Pedro Sánchez”, abundou Gonzalo Caballero.
É por iso que o máximo dirixente do PSdeG avogou por “unha fórmula de gobernanza que posibilite a investidura, que desbloquee a situación e que dea a España un goberno de progreso e de avance” fronte a “unhas dereitas que pactan coa ultradereita e que supoñen un risco psra o futuro do país”.
“Estamos convencidos de que é necesario abrir un diálogo coas forzas de progreso para dar ao país un goberno forte e cunha axenda progresista”, concluíu Gonzalo Caballero.
E, tras apostar por evitar unha nova repetición electoral, o secretario xeral sinalou que hai que “dicir non a un PP liderado dende dentro por Aznar e orientado ideoloxicamente por Vox, e que nos preocupa moitísimo”.