O secretario xeral sinala a “improvisación” da Xunta ao anunciar as novas restricións logo de opoñerse ao estado de alarma e a blindar Galicia e chama á “responsabilidade” de todos para frear a pandemia
O líder do PSdeG reclama un “reforzo” da Atención Primaria e un aumento no número de rastrexadores e de PCR ante os “preocupantes” datos de Galicia
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, requiriu hoxe á Xunta que poña en marcha axudas directas para os sectores afectados polas restricións aprobadas para conter o virus, nomeadamente a hostalería logo de que Feijóo anunciase o seu peche durante un mes en 60 concellos nos que reside o 60% da poboación galega.
“A Xunta ten que acompañar as restricións co necesario apoio aos sectores afectados”, recalcou Gonzalo Caballero, consciente de que non se pode “afogar” aínda máis ao tecido económico, que non é o culpable da propagación da pandemia.
A este respecto, o xefe de filas do PSdeG criticou que o goberno galego aínda non concretara que medidas de apoio se van a aprobar, e que o vicepresidente da Xunta adiara para “dentro de 10 ou 15 días” a habilitación de calquera axuda.
Dito isto, despois de manifestar o seu “apoio” ás restricións decididas e de apelar á “responsabilidade” de todos para frear o virus, Gonzalo Caballero sinalou a “improvisación” coa que parece estar actuando o goberno galego.
“Feijóo opúxose ao estado de alarma e a blindar Galicia e, en menos dunha semana, tivo que aplicar restricións que afectan á meirande parte da cidadanía galega”, recordou, antes de volver pedir “seriedade” e “rigor”.
“FALLA DE CONCRECIÓN”
Ademais, o líder dos socialistas galegos botou en falta “concreción” nas medidas anunciadas polo presidente da Xunta, á vista das “dúbidas” xeradas en torno as súas palabras sobre a paralización dos servizos non esenciais e ao feito de que o propio Feijóo asegurase que “aínda se están perfilando as actuacións” que levará ao Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, Gonzalo Caballero criticou a liña seguida por Feijóo de non dar contas ao Parlamento das medidas que se están adoptando e da evolución do virus da comunidade. “Cómpre que a Xunta deixe a opacidade e comece a actuar con transparencia”, concluíu, tendo en conta tamén a falla de información coa que están tendo que traballar os concellos afectados.
“A situación é moi preocupante”, evidenciou o dirixente socialista, toda vez que Galicia vén rexistrando elevadas cifras de contaxios e de falecementos nas últimas datas. Precisamente por iso reclamou que a Xunta “reforce” a Atención Primaria e o número de rastrexadores, así como que incremente a realización de PCR.