Categorías: ActualidadeActualidade do partidoNovasSecretaría Xeral

Gonzalo Caballero reivindica que “traballar polos galegos é a nosa causa e o que nos move” e chama a “falar de ti a ti” á dereita para “dicirlle a Feijóo que o seu ciclo está chegando ao seu fin”

O secretario xeral reproba que Feijóo antepoña o seu “neoliberalismo” ás “necesidades do país” ao rexeitar os 130 millóns da relaxación do déficit

Rianxo, 25 de xullo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe, Día Nacional de Galicia, a ofrenda floral que os socialistas realizan a Castelao dende a vila que o viu nacer. Dende alí, tivo palabras de compromiso coas vítimas do accidente de hai cinco anos en Angrois e de apoio para os feridos como consecuencia do incendio que tivo lugar onte nun barco turístico no Grove.

Tras depositar as flores ante o busto do ilustre galeguista, o líder do PSdeG reivindicou que Galicia é “un compromiso e unha paixón”. “Sentimos Galicia, queremos Galicia, vivimos Galicia e queremos dar o mellor para Galicia”, proclamou, antes de poñer en valor “o compoñente galeguista” do PSdeG combinado cun ideario de traballo en favor dos que teñen “máis dificultades” e a prol da “igualdade de oportunidades”.

Como rememorou Gonzalo Caballero no que é o seu primeiro Día Nacional de Galicia como secretario xeral do PSdeG, nesa construción dun partido “galeguista e socialista” destaca o legado de Ramón Piñeiro, Ceferino Díaz ou Xosé Luís Rodríguez Pardo, recentemente falecido. Así mesmo, proseguiu, incorpora “as mellores experiencias de goberno”, que viñeron da man de Emilio Pérez Touriño, presente no acto, e Fernando González Laxe.

E é que “traballar polos galegos e as galegas”, en palabras do líder do PSdeG, “é a nosa causa e o que nos move”. “Cremos en Galicia como unha posibilidade de crear futuro, riqueza e emprego. Queremos unha Galicia de futuro, de vangarda, que dea oportunidades a todos e todas”, recalcou, en contraposición cunha dereita que “non goberna para a maioría”.

Proba diso, explicou Gonzalo Caballero, é a negativa de Feijóo a utilizar os 130 millóns de euros resultado da relaxación do límite de déficit que o goberno liderado por Pedro Sánchez ten negociado con Bruxelas. “Pon o seu neoliberalismo e o seu ideario caduco por riba das necesidades do país”, reprobou, consciente de que, por exemplo, eses fondos poderían utilizarse para poñer fin á supresión de pediatras en moitos concellos.

“O CICLO DE FEIJÓO TOCA AO SEU FIN”

Neste contexto, aludiu á retirada “da dereita máis corrupta de España” do goberno para sinalar que tamén en Galicia “temos a forza, a capacidade e a lexitimidade para formular un proxecto alternativo”.

“Temos que trasladar en clave galega ese exercicio de quitarnos os complexos para gobernar, porque ao país vaille mellor cando gobernamos”, profundou Gonzalo Caballero, enumerando medidas como a supresión do copago farmacéutico, que afecta a máis de 800.000 galegos, ou a suba das bolsas de estudios.

Así, o máximo dirixente do PSdeG fixo “un chamamento” ao partido para “falarlle de ti a ti á dereita e dicirlle a Feijóo que o seu ciclo está chegando ao seu fin”, e á cidadanía para que “non se resigne” e “recupere a iniciativa”.

Ao fío disto, falou da “prioridade social” que caracteriza aos socialistas, coa igualdade no foco; do seu compromiso co equilibrio territorial, co medio rural “como oportunidade”; e da necesidade de deseñar unha nova política económica que teña en conta aos maiores e aos máis desprotexidos e que dea opcións “de futuro” aos mozos.

“O país necesita un cambio; debémosllo aos galegos e ás galegas. E o PSdeG é un instrumento ao servizo de Galicia”, finalizou Gonzalo Caballero, quen garantiu que traballará “con toda a forza” por ese obxectivo.

“QUEREMOS FUTURO”

Tamén o presidente Emilio Pérez Touriño fixo fincapé en que o galeguismo do PSdeG significa que “queremos futuro para a nosa terra” e chamou a seguir traballando por “facer unha Galicia mellor e máis grande dentro dunha España plural e solidaria”.

Fixo un recorrido tamén pola postura dos socialistas “de forma permanente co pobo galego”, exemplificada no apoio aos Estatutos de Autonomía de 1936 e de 1981, e tamén coa Constitución Española e coa Unión Europea.

“O galeguismo é un sentimento na pel e no corazón, e para nós significa que queremos futuro na nosa terra”, engadiu quen presidira a Xunta de Galicia antes de considerar que “honrar aos bos e xenerosos que puxeron a Galicia no seu norte”, como é o caso de Castelao, é un acto que tamén “nos honra a nós”.

Por tanto, avogou por vivir o Día Nacional de Galicia como “unha festa que fala de liberdade, de progreso, da nosa lingua e da nosa cultura”, pois dende que se fixou esta data hai 90 anos só se deixou de conmemorar durante a ditadura de Primo de Ribera e na “noite longa de pedra” que foi o franquismo.

“UN LUGAR MELLOR”

Pola súa banda, a secretaria xeral da Agrupación socialista de Rianxo, Carmen Figueira, puxo o acento en que “os socialistas temos que facer de Galicia un lugar mellor para vivir”. “Está nas nosas mans”, concluíu.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04