O secretario xeral recorda que xa lle ofreceu a Feijóo o pasado ano “a man tendida do PSdeG” para avanzar na igualdade e na loita contra a violencia machista
Santiago, 24 de novembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou este sábado, véspera do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que a Xunta e o PP fagan “un esforzo” que permita pechar “un gran acordo político e social” en Galicia contra a violencia machista.
“En Galicia hai que tomar medidas para avanzar”, incidiu o líder dos socialistas galegos, quen recordou que xa lle ofreceu a Feijóo “a man tendida do PSdeG” para traballar nese senso na súa xuntanza do pasado ano: “Sinaleille que a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero era unha liña prioritaria”.
Fronte a esta formulación da necesidade de “tomar medidas” que permitan “corrixir disfuncionalidades” a través dun gran pacto que non se ten selado despois de 10 anos do PP na Xunta, Gonzalo Caballero puxo en valor o traballo do goberno de Pedro Sánchez neste eido.
“O PP non acababa de entender que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero necesitaba orzamentos, e houbo que esperar a que chegase un goberno socialista”, apuntou o secretario xeral, quen destacou os 200 millóns de euros a repartir entre o Estado, as comunidades e os concellos e que se verán incrementados o ano próximo.
MESA REDONDA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Gonzalo Caballero fixo estas declaracións minutos antes do inicio dunha mesa redonda en Santiago na que se abordou, por parte de cargos orgánicos e institucionais do PSdeG e de diferentes membros da sociedade civil, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A mesa estivo presidida pola vicesecretaria xeral de Igualdade do PSdeG, Icía García; a xuíza titular da Sala de Violencia sobre a Muller de Vigo, Paz Filgueira; a portavoz de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista, María Pierres; a presidenta da Comisión de Igualdade no Congreso, Pilar Cancela; a secretaria de Xustiza do PSdeG, Paloma Castro; e Esther García, membro da asociación XTodas.