Categorías: ActualidadeActualidade do partido

Gonzalo Caballero insta á Xunta a “traballar” para que a suba dos fondos de cohesión repercuta en Galicia porque Feijóo está “desaparecido” na UE

O secretario xeral e o voceiro parlamentario do PSdeG reúnense coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, para trasladarlle a importancia que estes fondos teñen para Galicia

Bruselas, 26 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta a “traballar” para que o incremento do 5% nos fondos de cohesión que recibirá España no vindeiro período orzamentario “sexa tamén positivo para Galicia”.

Tras unha reunión de traballo coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, o líder dos socialistas galegos constatou que a Xunta ten renunciado “a facer unha política europea que poida favorecer a Galicia” e que o propio Feijóo, “agás algunha visita puntual, está desaparecido” nas institucións comunitarias e “iso repercute negativamente nos intereses” do noso país.

“É importante que haxa unha axenda galega nas institucións europeas”, subliñou Gonzalo Caballero, consciente de que “nos xogamos moito” no ámbito comunitario e de que, actualmente, “hai un déficit” neste sentido porque “Feijóo é un descoñecido”.

Ao fío disto, o secretario xeral do PSdeG defendeu a importancia de ter “un presidente pendente dos problemas de Galicia”. “Mentres Feijóo está pensando se se vai a Madrid ou queda, ou se vai dentro de dous anos, Galicia necesita respostas e tamén se deciden aquí, en Bruxelas”, recalcou tralo encontro que mantivo, en compañía do voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, coa comisaria europea.

En canto á marxe de traballo que ten a Xunta para mellorar os fondos comunitarios que percibe Galicia, Gonzalo Caballero apuntou que non se están contemplando os criterios do envellecemento e a dispersión da poboación, que tamén poderían ser tidos en conta para o reparto dos fondos dentro de cada estado.

EXECUCIÓN DE FONDOS

Iso si, como apuntou Leiceaga, á hora de reclamar máis fondos é importante “presentar bos niveis de execución” dos obtidos, pois permite “reforzar a posición”.

Non obstante, a propia comisaria chamou a atención sobre o baixo índice de gasto de Galicia en aspectos como a innovación

VISITA A GALICIA

En paralelo a estas cuestións, o líder dos socialistas galegos indicou aos periodistas que Corina Cretu lle trasladou a súa “satisfacción” polo cambio de goberno en España e polo executivo confeccionado por Pedro Sánchez.

Así mesmo, tras unha xuntanza que transcorreu con “moita sintonía e fluidez”, Gonzalo Caballero avanzou que a comisaria europea ten previsto viaxar a Galicia na última parte do ano.

A continuación, o secretario xeral do PSdeG e o voceiro parlamentario realizaron unha visita á Fundación Galicia Europa antes de reunirse co director xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Daniel Calleja, para abordar cuestións pendentes como o saneamento das rías ou o mapa forestal.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08