O secretario xeral esixe a Feijóo que “deixe a estratexia do falso agravio a Galicia” poñendo a Xunta “a disposición dos intereses do PP” para confrontar co goberno socialista
Santiago, 28 de agosto de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo referencia hoxe ao informe da Avogacía do Estado que sinala que o goberno en funcións non pode desbloquear as entregas a conta ás comunidades para poñer de manifesto “as mentiras de Feijóo e do PP”.
“O informe destapa as mentiras de Feijóo e as farsas do PP”, incidiu o líder dos socialistas galegos, á vista un documento que explica que un goberno en funcións non pode actualizar as partidas duns orzamentos prorrogados. De feito, recordou que xa Cristóbal Montoro o dixera na súa etapa como ministro de Facenda, aínda que daquela “Feijóo calaba e aplaudía”.
En canto ás conclusións do informe, Gonzalo Caballero sinalou que “a responsabilidade” da situación actual está no PP, que no seu día votou en contra duns orzamentos xerais do Estado que “implicaban máis financiación para as comunidades”, con 4.700 millóns de euros para as entregas a conta e 2.500 millóns de euros máis correspondentes ao IVE.
“O goberno socialista está comprometido co Estado das autonomías”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG, quen recriminou a Feijóo que poña a Xunta “a disposición dos intereses do PP” para confrontar co goberno socialista que lidera Pedro Sánchez. “Non é o que queren os galegos”, advertiu, e situou a “ameaza” ao modelo autonómico nun PP “abrazado á ultradereita de Vox”.
Ao tempo, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que “deixe a estratexia do victimismo e do falso agravio a Galicia” porque “non hai ningunha decisión tomada polo goberno de España que poida ser interpretada” dese xeito. “Mentres haxa un goberno socialista, o compromiso coas autonomías está garantido”, finalizou.