O secretario xeral compromete traballo para “consolidar” tamén dende Galicia o goberno de Pedro Sánchez e “frear á dereita e á ultradereita”
Santiago, 18 de marzo de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe que o partido “está en condicións de avanzar posicións políticas en Galicia”, cunhas listas que reflicten “renovación, capacidade e futuro”. Son, por tanto, “as mellores candidaturas” para contribuír a “consolidar” o goberno de Pedro Sánchez e “frear á dereita e a ultradereita”.
En rolda de prensa un día despois de que o Comité Federal aprobase por unanimidade as candidaturas socialistas, o líder do PSdeG sinalou que hoxe “estamos nas mellores condicións para ganar as eleccións xerais” e dar “un refrendo maioritario nas urnas ao goberno progresista” que encabeza Pedro Sánchez.
No caso concreto de Galicia, recordou que o PSdeG constitúe “a referencia” da alternativa fronte ao PP e amosouse convencido de que os seus resultados mellorarán “nas catro provincias”, nun contexto no que os populares “terán en Galicia un retroceso histórico”.
É por iso que os socialistas galegos, proseguiu Gonzalo Caballero, elaboraron unhas listas pensadas “para a maioría da cidadanía”, compostas por persoas “dispostas a se comprometeren co proxecto colectivo” e que, con respecto ás presentadas nas pasadas eleccións xerais, implican unha porcentaxe de renovación que acada o 70%.
Esta “elevada porcentaxe” de renovación, unida ao feito de que as candidaturas ao Congreso estean encabezadas por mulleres nas catro provincias, segundo dixo o secretario xeral, amosa que o PSdeG está “disposto a traballar polo futuro dunha Galicia mellor”. “Temos as mellores candidaturas e agora estamos no tempo de saír a gañar as eleccións”, concluíu.
LISTAS MUNICIPAIS
Ademais, o máximo órgano do partido entre congresos aprobou onte, tamén por unanimidade, as candidaturas das cidades con máis de 50.000 habitantes que non teñen alcalde socialista.
Nestes casos, como explicou Gonzalo Caballero, o procedemento “funcionou con total normalidade” ao recoller “a sensibilidade da militancia” coa aposta polos “mellores equipos para ganar as eleccións e representar ao partido”.