Categorías: Actualidade

Gonzalo Caballero centrará a sesión de control ao presidente na ausencia de compromiso medioambiental da Xunta

Pablo Arangüena cualifica de “suspenso rotundo” a política medio ambiental do goberno galego e propón “un cambio para renaturalizar Galicia”

O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, abordou hoxe, trala celebración da Xunta de Portavoces, a orde do día do próximo Pleno do Parlamento, onde o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, centrará a sesión de control ao presidente da Xunta na ausencia de compromiso do goberno galego con respecto á protección do medio ambiente.

Ao fío disto, Arangüena fixo un chamamento á defensa do medio ambiente cando a política do goberno galego neste eido ten un “suspenso rotundo”, polo que propuxo “un cambio para renaturalizar Galicia”.

“Estamos nun mundo e nunha contorna que se move con decisión cara a transición ecolóxica”, reivindicou o vicevoceiro do Grupo Socialista logo de subliñar que cando “todo o mundo vai nesta dirección”, no caso de Galicia “imos cara a atrás como os cangrexos”. Así, lembrou que Galicia é “a última comunidade do estado en superficie protexida pola Rede Natura” e que ten “o peor plan director” da mesma.

Nesta liña, censurou a falla de compromiso do goberno galego neste eido, xa que en 2021 ten un orzamento en políticas medio ambientais “que está un 35% por debaixo” do que había no ano 2009, “cando pasaron 12 anos”.

Ademais, destacou que a primeira moción que levará o PSdeG ao Pleno será a necesidade dun novo modelo eólico para Galicia cando “estamos tendo noticias cada semana de novos proxectos eólicos en cada recuncho”.

“Dende o PSdeG apostamos con claridade pola enerxía eólica, pero non a calquera prezo”, destacou, por iso propuxo “un novo modelo eólico que protexa máis o medio ambiente, que compense o impacto social da produción eólica e que trate de distribuír mellor os beneficios dunha enerxía que é necesaria, pero non a costa de sacrificar ecosistemas, explotacións agrarias ou vivendas para que se beneficien empresas que, normalmente, nin teñen o seu domicilio social en Galicia”.

Continuando coas cuestións ambientais, os socialistas tamén levarán á Cámara galega a elaboración dun plan para incentivar a reciclaxe de plásticos que se atopan no mar, a través dunha proposición non de lei; así como a necesidade de cumprir o acordo do Parlamento para avanzar na regulación e homologación do Camiño dos Faros como ruta de gran percorrido, que irá como pregunta ao goberno.

No eido económico, a pregunta urxente versará sobre os motivos polos que o goberno galego non distribúe os 234 millóns de euros extraordinarios para axudar a pemes e autónomos. O vicevoceiro socialista lembrou que o ano pasado a Xunta xa recibiu 224 millóns para “compensar a caída da actividade económica”, cantidade foi “moito máis” do que realmente logo se achegou dende a Xunta a pemes e autónomos. “Parece que este ano repítese a xogada”, censurou.

“Eses cartos necesítanse máis en negocios e autónomos que en contas bancarias da Xunta”, reivindicou Arangüena quen instou ao goberno galego a dedicar os cartos “ao que ten que dedicalos e non a facer caixa”.

Ao fío da economía, os socialistas tamén levarán unha proposición non de lei para abordar a actualización do pacto local de Galicia no seo da Comisión Galega de Cooperación Local.

En canto a sanidade, o Grupo Socialista debaterá unha interpelación sobre a precariedade laboral no SERGAS xa que o persoal ten “condicións peores que noutras comunidades, tal e como denunciaron as enfermeiras”. Ademais, lembrou que Galicia “ten 1.000 profesionais menos en atención primaria que no ano 2009”.

Por último, o Grupo Socialista levará á Cámara a política de igualdade de Xunta, xa que “menos dun terzo dos altos cargos do goberno galego son mulleres”, sinalou Arangüena, quen lembrou que a nova sociedade público-privada que se creou para xestionar os fondos europeos Next Generation “ten un consello de administración integramente formado por homes: 9 homes e ningunha muller”.

O BNG E OS FONDOS EUROPEOS

“Celebramos que Ana Pontón estea en Bruxelas e agardamos que rectifique a posición do BNG con respecto aos Next Generation aos que se opuxo por consideralos centralistas”, sentenciou. Nesta liña, o vicevoceiro socialista censurou a “falla de europeísmo” do deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, logo de dicir “que Europa era a ruína de Galicia”. “O certo é que Europa está facendo a súa maior aposta de solidariedade da historia e nós somos beneficiarios principais desta solidariedade”, reivindicou.

Nesta mesma lista, pediu a Feijóo “que pase da propaganda aos feitos” en canto aos proxectos europeos, xa que “seguimos sen saber en que consisten máis alá de titulares baleiros de contido e ocorrencias”. “Estamos ante unha oportunidade histórica, única e irrepetible para modernizar a nosa economía e a nosa administración”, destacou.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18