Categorías: ActualidadeNovasPortadaSecretaría Xeral

G. Caballero reclama a Feijoo un mapa de prioridades para os fondos europeos porque parece que “na Xunta non hai ninguén ao volante” e só hai “política de foguetes”

O secretario xeral do PSdeG pide a Feijóo que “non deixe orfa a Galicia das oportunidades que dan os Next Generation” e avoga polo “investimento público para modernizar a economía e xerar emprego”

O líder socialista denuncia o “terrible balance” da Xunta en materia industrial nos últimos 12 anos, con “empresas que caeron en todos os lugares” ante a “inacción” do goberno galego”

O voceiro do grupo parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe ao presidente da Xunta que defina “un mapa de prioridades para os fondos europeos” despois de máis dun ano no que se demostrou que en Galicia “non hai ninguén ao volante para pilotar esta situación”.

Diante da “falla de acción do goberno galego”, o máximo responsable do PSdeG requiriu a Feijóo que deixe “a política de foguetes”, de titulares de prensa para agochar que “non hai contido nin orientación”, e que “estruture cales son as prioridades da Xunta”. “Non pode deixar orfa a Galicia das oportunidades que dan os fondos europeos”, advertiu.

Gonzalo Caballero lembrou que “hoxe estamos igual que hai un ano porque a Xunta non ten estratexia nin acción” e, por iso recalcou que “é hora de tomarse esa tarefa en serio e gobernar pensando na reactivación económica”.

“Galicia”, proclamou o dirixente socialista, “non pode perder a oportunidade de saber situar os fondos europeos naqueles proxectos estratéxicos para a reactivación” e para iso “cómpre xestión e compromiso” fronte á “política do conflito do PP, que non dá resultados aos galegos e galegas”.

“POLÍTICA DE FOGUETE”

Canto á “política de foguete” da Xunta no que atinxe aos fondos europeos, Gonzalo Caballero recordou que un día falan de sete proxectos tractores, outro de 106 e outro de 354: “cada día un titular, pero non hai contido nin orientación”.

Neste contexto, o responsable do PSdeG alertou de que a Xunta está inmersa nunha “escapada cara adiante” cunha “estratexia desnortada e sen rumbo dun goberno que en todos estes anos non tivo política económica, nin industrial nin de modernización do modelo produtivo”.

Ademais, o secretario xeral do PSdeG advertiu que o reto da “recuperación integral non pode quedar en mans das grandes empresas, senón que ten que ter mecanismos de impulso para chegar ao conxunto da cidadanía”. Por iso, lamentou que levemos máis dun ano falando dos proxectos europeos, “que son fundamentais para Galicia”, e que a política da Xunta sexa “non facer nada” porque “carece prioridades, de estratexia e de modelo”.

E, precisamente por iso, advertiu de que “a política da autocompracencia, do autobombo e da opacidade non son bos compañeiros de viaxe para artellar a recuperación de Galicia”.

“TERRIBLE” BALANCE INDUSTRIAL DA XUNTA

Como exemplo desa falla de estratexia, Gonzalo Caballero lembrou que a comisión de reactivación “quedou só na súa estratexia herdeira dos recortes” sen que houbese cambios nin medidas cando “a Xunta conta con máis de mil millóns de euros extraordinarios”.

Neste punto, preguntoulle a Feijóo que medidas está tomando polos galegos e as galegas con eses fondos, ao tempo que reclamou “cambiar a política económica” e “facer política industrial”. “Porque o seu balance é terrible nestes eidos”, remachou.

“Doce anos”, salientou Caballero, “nos que caeron empresas en todos os lugares”, incluso “as de maior referencia”, como Pescanova, Caramelo, Alfageme ou Pórtico, e nos que seguen a xurdir novas crises en compañías como Ence, Ferroatlántica ou, nestas datas, en Vestas, na Mariña lucense.

Neste escenario, o líder do PSdeG criticou que Feijóo e o PP, “en vez de amosar sensibilidade ante estes problemas, póñense nerviosos e increpan á oposición, cando o que teñen que facer é gobernar e dar respostas aos problemas industriais aproveitando os fondos europeos para modernizar a economía”.

INVESTIMENTO PÚBLICO PARA MODERNIZAR A ECONOMÍA

Para mudar esta situación, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que “é necesario o investimento público para modernizar a economía galega e para situala nun círculo virtuoso que permita xerar emprego, benestar, actividade económica e incremento da demanda agregada”. “Ese é”, remarcou, “o reto dun goberno de Galicia que non fixo política económica ao longo da ultima década”.

Gonzalo Caballero ilustrou esta situación co último informe do Foro Económico de Galicia, que recolle “o deterioro da calidade do emprego, o maior nivel de pobreza severa -chegando a 230.000 persoas- ou o incremento da desigualdade”. “Son cuestións que hai que atallar á vez que traballamos na recuperación da actividade económica e na xeración de emprego de calidade”, incidiu.

De feito, o líder socialista indicou que eses son os obxectivos nos que “ten que centrarse a axenda da Xunta” para “fomentar a modernización da economía e a estrutura produtiva de Galicia a través da dobre transición dixital e ecolóxica, que é fundamental”. Do mesmo xeito, fixou como retos primordiais “facer política de emprego e de benestar” para paliar “o déficit en xeración de emprego que ten a economía galega ao longo da última década e para construír un paraugas de protección que permita aos galegos e galegas saír adiante”.

En paralelo, Gonzalo Caballero tamén lle pediu ao goberno de España “que manteña o seu compromiso de investimento para a reactivación económica, tamén en Galicia”, onde solicitou “que se incrementen os fondos de investimento público en materia de transportes e infraestruturas para xerar ese círculo virtuoso”. “Eu espero que o goberno de España cumpra, pero a Xunta tamén ten que cumprir cos galegos e coas galegas”, apostilou.

Sobre todo, como lembrou, cando foi o goberno central o que “impulsou un Plan Marshall en Europa con políticas expansivas” e o que “fixo fronte á crise con políticas radicalmente distintas ás do PP cando gobernaba durante a gran recesión”.

Ao fío disto, subliñou que hoxe Feijóo “esta só coa súa estratexia herdeira dos recortes dos PP”, un partido que “foi un obstáculo para incrementar a capacidade de gasto e para desenvolver políticas expansivas para facer fronte á crise derivada da pandemia”. Mentres, recordou, o goberno progresista conseguiu que vaian chegar a España “o 19 por cento dos fondos que se van repartir” na UE e que os orzamentos xerais teñan xa uns 20.000 millóns de euros adicionais, que se xestionan a través da cogobernanza.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18