O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, comparou hoxe a Feijóo cun “Quixote que loita contra muíños de vento que non son reais” ao reclamar o desbloqueo do superávit para a Sanidade en contra dunha Lei propia da Xunta de 2011. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista para desbloquear o superávit, que foi rexeitada polo PP.
Sinalou que “os principais obstáculos para a non utilización do superávit en materia sanitaria atópanse no seu propio partido e na súa propia Lei de Disciplina Orzamentaria da Xunta aprobada en 2011. Esta norma, que segue vixente, é “o principal obstáculo para destinar o superávit a materia sanitaria” xa que esta lei establece que o superávit debe destinarse para reducir o déficit do exercicio anterior ou para reducir o endebedamento das CCAA.
Fernández Leiceaga acusou a Feijóo de “levar a cabo unha operación de márketing que destaca pola súa propia hipocrisía” e advertiulle ao Presidente da Xunta de que “o seu cambio de opinión na utilización do superávit non elimina a Lei Montoro–Rajoy aprobada polo seu propio partido”. Sinalou que o goberno de Rajoy “só permite a utilización do superávit na redución do endebedamento neto ou en investimento financeiro sostible”.
Explicou que o límite está fixado polos Orzamentos de 2018, aprobados por Rajoy e actualmente en vigor, e lembrou que foi o PP o único que votou en contra do decreto do goberno para flexibilizar o superávit e o responsable económico do Partido, Daniel Lacalle, anuncia a “revisión” deste criterio. Citou ademais ao viceportavoz do PP no Congreso, Carlos Floriano, que “non quere volver aos tempos nos que había lasitude coas CCAA e os concellos”.
Gasto sanitario insuficiente
O responsable socialista apuntou que na carta enviada por Feijóo ao Goberno de España para reivindicar o superávit “recoñece que o gasto sanitario no ano 2018 era insuficiente”, e puntualizou que “isto era algo que xa viñamos dicindo os Socialistas dende facía tempo”. Apuntou que a falla de orzamentos para o gasto sanitario no ano 2018 foi a causa de que agora queiran destinar o superávit para o gasto en materia sanitaria.
O portavoz socialista explicou que “para destinar o superávit a outras cuestións primeiro hai que reducir o endebedamento” e, sinalou,” no caso de que se aplique esta disposición adicional só poderá utilizarse o superávit en gasto financeiramente sostible” pero non destinalo a gastos sociais como a sanidade para “solucionar o que xa debería haber tido en conta o goberno da Xunta de Galicia nos orzamentos”.
O Grupo Parlamentario Socialista reclamou con esta iniciativa flexibilizar as limitacións á disposición do superávit para reforzar o gasto sanitario, así como impulsar “un Plan anual de mellora da atención primaria que garanta en tres anos a recuperación de 190 millóns de euros e proceda a reforzar, coa máxima urxencia, os fondos destinados á sanidade no orzamento para 2019, cun importe mínimo de 60 millóns de euros”.