O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, levará o abandono das competencias da Xunta en materia de Vivenda á sesión de control ao presidente da Xunta, que se celebrará no Pleno da próxima semana. Así o explicou logo da Xunta de Portavoces celebrada hoxe que tamén convocou unha sesión específica para debater o cese da Valedora por “incumprimento grave das súas funcións”, que terá lugar o próximo luns.
O responsable socialista advertiu que a política de Vivenda “non existiu” para Feijóo dende que chegou ao goberno galego en 2009. Estimou “pertinente” o incremento da oferta de vivenda pública, sinaladamente en réxime de aluguer e dirixida especificamente á mocidade que “quere emanciparse pero atopa un mercado inmobiliario excesivamente quente”, o que impide abandonar o domicilio paterno”.
Lembroulle ao presidente da Xunta que Galicia conta con competencias exclusivas nesta materia que “non foron exercidas” polo Executivo autonómico nos últimos 10 anos. Reclamou a reactivación destas políticas para respaldar aos mozos e mozas que necesitan dunha vivenda cando comezan a detectarse síntomas de recuperación económica e máis oportunidades de emprego.
O responsable socialista sinalou ademais que a próxima semana terá lugar, antes do comezo do Pleno ordinario, unha sesión especial para debater a petición dos grupos da oposición do cese da Valedora logo de ser condenada por “arbitrariedade” e “desviación de poder” ao amañarlle unha praza á irmá do portavoz do PP.
Lembrou que os grupos da oposición tiveron que activar esta fórmula logo de que a Valedora se negara a ter renunciado ao seu posto despois de coñecer unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, declarada firme logo de que o Tribunal Supremo rexeitara o seu recurso de alzada, e que “aféctalle a ela” directamente.
Política Social
O Pleno da próxima semana incluirá ademais unha moción do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que cumpra coas súas competencias en política social e inicie unha “actuación decidida” para garantir prazas públicas de gardería para nenos e nenas de 0 a 3 anos, sinaladamente para as familias con menos recursos.
Esta proposta incluirá a petición dun Plan de escolas infantís en polígonos industriais e parques empresariais, comezando polos edificios administrativos da Xunta en San Caetano, que “carecen dunha gardería anexa, polo que dificilmente poden predicar co exemplo”.
O Pleno da próxima semana incluirá tamén unha interpelación en materia de política social sobre a política da Xunta en relación co réxime horario do persoal docente non universitario, “milleiros de persoas que viron aumentada a carga docente dende 2012”. En materia de Sanidade, os socialistas presentarán unha interpelación para incrementar o número de fisioterapeutas na sanidade pública, que hoxe están cinco veces por debaixo do recomendado pola OMS.
Tamén levarán unha pregunta oral sobre a paralización do Centro de Alta Resolución para a sanidade de Lalín, que comezou a tramitarse en 2007 co goberno presidido por Emilio Pérez Touriño e paralizado por Feijóo logo de que o PP perdera a alcaldía da localidade pontevedresa
Tamén defenderán unha proposición non de lei para a modernización de estruturas produtivas agrarias e gandeiras, sinaladamente para os produtores de leite, e para a mellora dos parques empresariais de Galicia, así como unha pregunta para reclamar a implicación da Xunta para salvar os postos de traballo da empresa Unitono en San Cibrao das Viñas.