O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiu hoxe as desculpas públicas do conselleiro do Medio Rural cos axentes facultativos medioambientais logo de telos acusado sen probas de cobrarlle á cidadanía por tramitar solicitudes de cura de madeira que son gratuítas. Seco presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento pola “falla de respecto” a estes traballadores da Xunta.
O responsable socialista presentou na Cámara autonómica un desafortunado comentario do conselleiro nas redes sociais insinuando que había funcionarios que cobraran por aquel trámite cando axudaban presencialmente e de forma voluntaria aos administrados enchendo os formularios en papel e dándollelos a asinar para o seu rexistro posterior.
Logo de facer esta acusación sen ofrecer probas, o conselleiro “continuou confrontando cos axentes que lle pedían unha rectificación, mesmo respondendo literalmente “non, non. Equivocádesvos vós de camiño empezando unha batalla contra a Consellería”. O responsable socialista reclamou unha rectificación pública por unhas acusacións “moi graves e inaceptables” que van contra “a honorabilidade dos traballadores públicos”.
Dixo que “non lle queda máis camiño que retractarse e pedir desculpas públicas ou facer públicas probas de tan grave acusación”. Estas acusacións, explicou, xurdiron da posta en marcha do novo aplicativo “corweb” para tramitar as cortas de madeira, que a partir de agora só poderá ser de forma telemática, co que os facultativos medioambientais xa non teñen ningunha posibilidade de axudar aos administrados facilitándolles as tramitacións en papel.
Plantilla infravalorada
O responsable socialista preguntoulle ao conselleiro “como vai levar a cabo tantos proxectos que di ter para o medio rural se non conta cunha plantilla que se sinta valorada e respectada polo seu máximo dirixente”. Explicou que o desencontro cos axentes medioambientais súmase á ruptura das negociacións cos representantes dos técnicos do servizo contraincendios forestais, ou a falla de respecto aos axentes forestais a través da Lei de Acompañamento.
Explicou que a Xunta deulle agora cobertura legal a persoal pertencente a outros organismos públicos e outras escalas diferentes coa funcionarización dos vixilantes de recursos naturais nunha pretendida escala de nova creación. Estes denominados “gardas de recursos naturais” terían as mesmas competencias e funcións dos axentes xa existentes, pero foi encetada sen pactar a integración.