A portavoz de Política Social do grupo Socialista, Noela Blanco, reclamou hoxe “fomentar a universalización da escolarización de cero a tres anos”. Blanco presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento na que defendeu a “folla de ruta social” do goberno de Pedro Sánchez para reforzar a rede de escolas infantís públicas que a Xunta considera “unha das marías deste goberno”.
A responsable socialista reivindicou esta “ferramenta imprescindible para mellorar a conciliación da vida familiar e laboral”, que contrapuxo coas políticas en materia de escolas infantís da Xunta “raquíticas, asistencialistas”, e que “fomentan a desigualdade nos primeiros anos de vida dos meniños”. Explicou que se trata dunha das principais ferramentas para “eliminar as desigualdades de xénero, a loita pola equidade e a mellora da conciliación entre a vida familiar e laboral”.
Blanco explicou que “a escolarización é un dereito que debe garantirse dende as primeiras etapas da vida” como aliciente para a recuperación da demografía, e criticou o voto en contra do PP aos Orzamentos do Estado que destinaban 330 millóns de euros para impulsar a rede de escolas infantís. Un exemplo de “ideoloxía vergonzante” que comparou coa decisión do PP de subir o prezo da escola infantil en Andalucía ao tempo que suprimen o imposto de herdanza.
Acusou á Xunta de ter establecido por primeira vez concertos con escolas privadas en 2015, un modelo que estenderon ata o 40 por cento do total de prazas dispoñibles, co que actualmente só hai prazas públicas para 2 de cada 10 nenos e nenas. Ademais, teñen renunciado á promesa electoral de crear escolas infantís nos polígonos industriais e suben os prezos un 19 por cento en total e duplicaron os prezos dos comedores en 2012.
En realidade teñen que ser os concellos os que teñen que suplir a falla de interese do goberno galego, como no caso de Vigo, onde é o goberno local o que oferta 620 prazas nos oito centros e subvenciona de media o 82 por cento do custe de cada praza. En Vilagarcía, engade, tamén é o concello quen, xunto coa Deputación Provincial, ten que facerse cargo das escolas, mentres a Xunta apenas aporta 100.000 euros para equipamento.
Esta xestión da Xunta, dixo, provoca que Galicia teña a maior porcentaxe de mulleres sen fillos de toda España, o 93,5 por cento, e que mentres o 67 por cento das mulleres queren ter dous ou máis fillos, á hora da verdade só poden ter un. Os motivos, dixo, son sinxelamente a precariedade laboral e a imposibilidade de conciliar a vida familiar co traballo.
Anunciou que os socialistas galegos pedirán no parlamento o incremento do investimento do goberno galego para as prazas públicas nun nivel suficiente para cubrir a demanda e garantir a universalización do servizo, garantindo a conciliación e a equidade. Advertiu que “a pobreza infantil non se pega nin se contaxia, pero pode herdarse se non traballamos para impedilo”.