Categorías: Actualidade

DEA 2023: Luis Álvarez defende unha alternativa progresista para a Galicia do futuro centrada nos servizos sociais, o emprego de calidade e a reactivación económica

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, interveu no Debate do Estado da Autonomía celebrado hoxe no Parlamento, onde debullou unha alternativa progresista para “poñerlle o punto e final ao ciclo político do PP en Galicia” e rematar “dunha vez por todas” cunha etapa “desmoralizante”. Anunciou “propostas de verdade para revitalizar o país” co obxectivo de blindar os servizos sociais, un modelo fiscal solidario e a reactivación económica que priorice a creación de emprego de calidade.

Reivindicou “un proxecto ilusionante que nos reconcilie coas persoas, cos avances sociais, un proxecto que entenda que é máis o que nos une que o que nos separa, unha alternativa que non levante barreiras nin bote man de discursos populistas contra Europa, contra o progreso ou contra os agarvios sen fundamento”.

Criticou os recortes na sanidade pública por parte do PP, que provocou listas de agarda na Atención Primaria por primeira vez na historia. Por iso defendeu unha sanidade de calidade reforzando as condicións laborais dos profesionais sanitarios para garantir ademais que “non haxa un só neno nin nena que non teña pediatra”, e reclamou unha educación pública de calidade, universal, de balde e de calidade, mentres o PP pechou 1 de cada 10 colexios públicos.

Álvarez anunciou que os socialistas recuperará a xustiza social e o principio de progresividade fiscal fronte ao modelo insolidario de PP, só preocupado de reducir impostos para facerlle “regalos aos millonarios”.

DISCURSO DE LUIS ÁLVAREZ NO DEBATE DO ESTADO DA AUTONOMÍA:

ESTE DISCURSO É UN BORRADOR QUE PODE ESTAR SOMETIDO A VARIACIÓNS

9 de outubro de 2023

Luis Manuel Álvarez Martínez. Voceiro do Grupo Parlamentario Socialista

Tomamos este debate como unha cita importante, como unha oportunidade para facer unha análise dos desafíos que ten ante si Galicia e apuntar o sendeiro por onde debemos camiñar nos vindeiros anos. E logo de escoitalo, lamento moito, dóeme moito ter que dicirlle que non está vostede á altura… quédalle moi grande este traxe… veu aquí a pronunciar o seu primeiro discurso como presidente nun debate do estado da autonomía e xa lle anuncio que vai ser o último.

Sabiamos de antemán que hoxe para vostede só é un día máis no seu carrusel de anuncios electorais. Antes de vir hoxe aquí a pregunta era: que tocará hoxe? Bono regalo ou rebaixa de impostos? E xa vimos que o que tocou foi o primeiro mitin da súa campaña electoral. Non sabemos canto vai durar, pero si que xa comezou.

Este debate é certamente particular, xa que non sabemos se estamos avaliando o traballo dun executivo que leva dous meses, un ano, ou catorce, señor Rueda. Voume decantar máis ben pola última opción, xa que vostede tamén fixo balance de datos dende o 2009, como fiel escudeiro que foi sempre o máis fiel escudeiro do señor Feijóo. Por elo, ao igual que o fracaso persoal do sr. Feijóo tamén é o seu, da nefasta xestión que deixou en Galicia vostede tamén é responsable.

O labor da política demóstrase especialmente en tempos como os actuais, despois de saír nunha pandemia sen precedentes en cen anos, a guerra volveu a Europa e temos unha crise inflacionaria cuxas consecuencias seguiremos sentindo nos próximos anos. Son tempos de cambio, incertezas, de refundación dun modelo económico e social que se mostra caduco. Xusto agora máis que nunca, a xente precisa de gobernantes con ideas claras, que marquen o rumbo e dean confianza á cidadanía.

Nestes tempos é vital aprender a gobernar tendo en conta a pluralidade, poñer en valor o diálogo. A que ven iso que dixo vostede de que só as maiorías absolutas se poden asociar coa normalidade. É anómalo entón o seu gobernos de coalición coa extrema dereita en Estremadura, é anómalo o seu goberno de Murcia, é anómalo o goberno de Alemaña ou o dos Países Baixos, foi anómala a fundación desta autonomía cun goberno de coalición entre Alianza Popular e cos centristas? Non señor Rueda, anómalo é pensar o contrario.

ECONOMÍA

A inflación foi a principal preocupación dos galegos durante os últimos dous anos, estando por riba do 6% en 2021 e 2022, e aínda que este ano se rebaixou, a alza dos prezos segue poñendo nunha difícil situación a moitas familias e negocios. Estas cifras macroeconómicas non reflicten a realidade en toda a súa complexidade, xa que o que a cidadanía máis sinte é a suba do custe dos alimentos en máis dun 16% durante o 2022.

Agora vamos a ilustrar con claridade o que significa a xestión do PP.

Todos e todas estaremos dacordo en que esta conxuntura ben merece de medidas de acción extraordinarias por parte do noso goberno, non? Pois ben, en xuño de 2022 o señor presidente decidiu retirar a tarxeta básica, un mecanismo co axudaba a 55.000 galego/as das familias máis vulnerables a poder encher o cesto da compra e poder acudir á farmacia. Algo menos de 34 millóns de euros custaba ás arcas autonómicas aproximadamente esta medida.

Apenas tres meses despois, tras o merecido descanso estival, o señor Rueda anunciaba nesta cámara que, seguindo as recomendacións de expertos en política fiscal como Moreno Bonilla, Juanma, ou a señora Díaz Ayuso, bonificaría a 7.000 millonarios galegos o 50% do imposto de patrimonio, que hai que empezar a pagar a partir de acumular bens cun valor superior a dous millóns de euros. 34 millóns de euros deixou de ingresar a Xunta con esta medida.

Descúlpeme, esquecíame señor Rueda, si que lle perdoaron impostos a un colectivo vulnerable ante a dura situación económica da pandemia. Sabe vostede cal é? As casas de apostas.

Quita aos que menos teñen, para perdoar cartos aos millonarios. Alfonso Rueda, Robin Hood pero ao revés.

Industria

Sigamos co gran burato negro da xestión do PP durante a última década e media: a política industrial. Bueno, máis ben debería dicir a falta de política industrial.

Non fixeron vostedes absolutamente nada, e iso ten consecuencias. O Consello Económico e Social  destacou no seu informe anual a perda de 40.000 postos industriais na última década. Por certo, non lle debeu de gustar que lo dixeran que ensinaron a porta ao presidente do CES, exconselleiro do PP.

Os traballadores de Altri, Alcoa ou os estaleiros vigueses e ferroláns téñeno presente nas súas oracións.

Estamos falando de máis emprego que a poboación de Vilagarcía ou Narón… E cal foi a súa medida estrela para reverter esta situación?

Pero non hai que remontarse moito atrás. Nestas últimas semanas estamos vendo mobilizacións e protestas de 250 traballadores de Irosa-Samaca en Valdeorras, os 100 traballadores da madeireira Fiber Technologies -antiga planta de Faurecia- no Porriño, ou polos case 100 traballadores que queren botar en Pescanova. Son cidadáns de pleno dereito que agardan que o seu presidente loite por defender os seus postos de traballo.

No berce do capitalismo, en EE.UU., o presidente Biden colle o megáfono e ponse do lado dos manifestantes. En Galicia, o presidente de prestado Rueda escóndese debaixo das saias dos inversores estranxeiros aos que a rede económica do PP chama para liquidar as empresas que xa non lles interesan.

Reflexione, actúe, con vostede á fronte, Galicia é un país desmoralizado.

Pesca

E tampouco son capaces de darnos voz en Europa, de facernos valer alí onde se toman as decisións.

Señor Rueda, porque non foi a Bruxelas a falar co comisario de pesca sobre o veto á pesca de fondo? Ah, que non o recibían, ese é o problema. Non ten ningún tipo de presencia nin forza para defender os intereses de Galicia máis aló de Pedrafita.

E esa inacción, esa ausencia na presenza exterior debilita a Galicia, debilita tamén os intereses do noso sector pesqueiro.

E que se pode esperar se no que depende en maior medida da Xunta están indo de desastre en desastre, sen deixar colectivo sen agraviar.

Todas as rías están afectadas pola súa incompetencia. Na ría de Arousa o marisco se está botando a perder e con elo o sustento de milleiros de familias polo baleirado masivo dos embalses que está matando aos bivalvos.

Na ría de Noia autorizan vertidos contaminantes da mina de San Finx poñendo en perigo un dos bancos máis produtivos.

E onde sempre houbo unha convivencia harmónica entre bateeiros e percebeiros, vostedes crearon unha auténtica guerra da mexilla que está poñendo en xaque a un sector puxante.

Eólica

Miremos ao horizonte, o futuro é verde. Galicia pode ser referente en produción de enerxías renovables, temos os recursos para elo. Os socialistas defendemos un claro modelo eólico con investimento no país, compensación ao territorio e aos propietarios, así como co menor impacto posible sobre o medio ambiente.

Que fixo o PP neste tempo para impulsar este sector? Primeiro paralizar con burocracia decenas de proxectos, logo autorizar 75 parques eólicos, e xusto despois anunciar unha empresa de participación pública da que seguimos sen noticias… Que ocorrencia… Polo menos podían ter creado a empresas pública antes de dar as autorizacións, para participar neses proxectos.

Mire, sabe que aínda necesitamos o equivalente a 1.000 aeroxeneradores para garantir o subministro enerxético a proxectos industriais como os de Altri, Alcoa ou Stellantis?. Póñase a traballar dunha vez.

Non ten que innovar, os socialistas xa nos reunimos coas asociacións do sector e xa deseñamos un Plan Eólico sostible, que faga crecer a nosa economía, que garanta o futuro da nosa industria, que deixe investimento no territorio, que compense aos propietarios e que preserve os espazos naturais sensibles. Súmese.

Hidróxeno verde

O outro gran combustible do futuro é o hidróxeno verde. Imaxino que na bancada popular pensarán que é algo dunha película de Star Wars, pero non.

A Xunta a velas vir, mentres ese malvado goberno de España, na súa clara intención de discriminar ás comunidades con gobernos do PP, pechou un acordo con Maersk para instalar en Galicia e Andalucía as plantas de xeración de hidróxeno verde cun total de 5.000 empregos directos e 80.000 entre indirectos e a fase de construción.

Aprenda, señor Rueda, iso é xerar emprego, o que vostedes fan é destruílo.

Ante os retos da transición enerxética que temos no PP? Pois a Feijóo falando de “ditadura activista” e ao señor Balseiro, aquí presente apuntando contra o “ecoloxismo radical”. Actualícense por favor e non se sigan deixando arrastrar polo negacionismo da extrema dereita.

Turismo

Practicamente o único piar da súa xestión económica foi o Xacobeo e a chegada de peregrinos. A riqueza cultural e natural da nosa terra ten que ser compartida, sendo ademais un foco de creación de oportunidades, pero o que non se pode permitir Galicia é vivir unicamente dunha festa e converterse “nun país de camareiros”.

Emprego

Ante toda esta situación un pensará, terá que esforzarse moito o goberno para xerar emprego non? Pois ben, entre 2009 e 2022 deixaron sen executar 1.954 millóns de euros do orzamento para formación de emprego.

Os máis de 130.000 parados que hai en Galicia agradecerían que se poña a traballar dunha vez.

Todo isto con problemas evidentes no noso sistema laboral, como a taxa de ocupación xuvenil máis baixa de España co 59,8%, ou a fenda salarial entre mulleres e homes dunha media de 5.000 euros ao ano. (Datos UXT-Galicia).

Galicia non para de perder poboación e a Xunta renuncia a investimento na xeración de emprego.

POLÍTICA SOCIAL

Unha función esencial que teñen os representantes públicos é velar polos máis vulnerables da sociedade. Por desgraza deixaron bastante claro que non entran na súa lista de prioridades.

Escoitamos hoxe que a súa medida estrela será recuperar un bono de coidados de 5.000 euros ao ano. Pero mire, iso é o que había e que vostedes se cargaron.

Porque mire:

Primeiro reduciron as libranzas a coidadores á mínima expresión. Oh, libranzas que superaban os 5.000 euros ao ano.

Logo suprimiron as cotizacións bonificadas á Seguridade Social para os coidadores e coidadoras.

E para colmo atascaron todo o proceso de valoracións, de tal xeito que cando chegan as axudas algúns usuarios, por desgraza, xa faleceron.

Dixeron que recortaban na dependencia pola austeridade e para cadrar contas. Ah, pero cando a  economía se recuperou, non repuxeron nada do que aniquilaron… ata que chegou o goberno de Pedro Sánchez e repuxo estes dereitos.

Non lle escoitamos falar nada disto: Galicia é a comunidade co maior déficit de prazas de España. E disto non fala.

Hai 2,83% prazas por cada 100 persoas maiores. Segundo estudos da asociación de directores de xeriátricos faltan 14.000 prazas en Galicia. Ademais, tan só o 41% das mesmas son públicas, de novo campións de España en privatización. Por certo, agardamos que non se confirmen as acusacións de filtracións das inspeccións ás residencias. Os nosos maiores merecen dignidade.

Os socialistas propoñémoslle que dea un xiro total á súa política social, entenda dunha vez, que é un investimento, non un gasto. A política social non pode ser caridade, ten que basearse na solidariedade e na xustiza social.

SANIDADE

Señor Rueda, o que xa é insultante que diga que temos unha sanidade pública excelente. Estase a rir das persoas que comproban cada día as deficiencias do sistema.

Herdaron un sistema de calidade, referencia no mundo e sostible. Pero a vostedes non lle importan os dereitos da cidadanía. Son presas do neoliberalismo que busca nichos para facer negocio e onde se mercadea ata coa saúde das persoas.

Despois dunha década de recortes, de privatizacións encubertas e de precarización das condicións laborais temos unha sanidade moito peor da que se encontraron.

Somos a 3ª comunidade que menos inviste en Atención Primaria de toda España, a pesar de ter unha das poboacións máis envellecidas e gran dispersión territorial. Temos 1.000 profesionais menos que no 2009, que deixan sen cobertura a moitos centros de saúde, e converteron en habitual agardar 15 días para ver ao médico de cabeceira, chegando a extremos de ata 25 días para ter unha cita. Noraboa, todo un récord.

A fotografía conxunta do Sergas é desoladora: nenos sen pediatra, mulleres sen servizo de xinecoloxía, por non falar doutros aspectos como pode ser a hixiene bucodental ou dermatoloxía onde hai que agardar meses por unha cita.

Sairá agora co da falla de prazas MIR, o argumento triste e barato de sempre. Pero este goberno, na recta final co ministro Miñones á fronte, bateu 6 anos consecutivos o récord de prazas MIR convocadas. 6 anos consecutivos. Tamén ocorreu na década pasada, o señor Feijóo deixou ata 180 prazas MIR sen proveer ás que tiña dereito a Xunta. 180 prazas sen proveer e logo aínda escoitamos a Feijóo propoñer unha convocatoria MIR extraordinaria. O colmo do cinismo.

Deixe as escusas, se non hai profesionais sanitarios é porque escapan da tensión do sistema sanitario e da precariedade coa que teñen que lidiar en Galicia.

SAÚDE MENTAL

Hai un aspecto do que está especialmente concienciada a mocidade e que cada vez é menos tabú no conxunto da sociedade: a saúde mental.

Temos a peor saúde mental autopercibida de España, xa que o 40% dos homes e o 50% das mulleres galegas afirman que sufriron algún problema de saúde mental.

A saúde mental infanto-xuvenil tamén está nunha situación límite. Segundo datos da OMS, un de cada sete menores ten un problema de saúde mental, e Save The Children apunta a que os casos infanto xuvenís triplicáronse trala pandemia en España.

E aí tamén somos líderes, pero en precariedade. Temos a peor ratio de España en canto a profesionais de Psiquiatría, Psicoloxía Clínica e Enfermaría de Saúde Mental. Hai que agardar ata 4 meses para ter unha cita cun especialista neste ámbito. Mentres tanto, deixan sen convocar prazas de especialista residente para psiquiatría o pasado ano.

Dígoo alto e claro, o dereito á saúde mental non está garantido en Galicia.

Podería facer unha intervención só coas lindezas que fixeron na súa política sanitaria, pero o tempo que temos é valioso.

EDUCACIÓN

Outro dos piares do Estado do Benestar é o sistema educativo, esencial para a igualdade de oportunidades e a mobilidade social.

Ben, este ano progresamos, parece que por fin se decidiron a baixar as ratios de alumnos por docente, aínda que deixan fóra a Secundaria. Propoñen chegan a 20 alumnos por aula en 6º de Primaria… pero cando? Pois nada máis e nada que para o curso 2033/34. Pero pensa vostede seguir aquí nese momento señor Rueda?

Todo mentres no 2022 destinaron case un 2% menos de recursos á educación respecto ao ano 2009 (2022: 20,5%; 2009: 22,31%). Pecharon 1 de cada 10 escolas dende que chegaron á Xunta.

Nós cremos nun sistema educativo público, universal, gratuíto e de calidade. Pedímoslle que rectifique, que entenda que para as familias gastar cada ano entre 300 e 400 euros por fillo en renovar os libros é tan custoso como absurdo. Volva ao sistema de préstamo que implicaba a gratuidade dos libros de texto. Era máis solidario e eficiente que o sistema actual.

A desigualdade acrecéntase cada vez máis e non vemos ningunha aposta real por corrixila. Temos un problema de conxunto: o ascensor social que supón o ensino está avariado, e o técnico non ten interese en arranxalo.

VIVENDA

Tamén e esencial o acceso á vivenda, ter que explicalo case resulta bizarro. Estamos nunha crise brutal no dereito a ter unha vivenda digna que pode ter moitas causas, pero a resposta non pode ser cruzarse de brazos, actuar de comentaristas e non facer nada.

Imos ver algúns datos:

  • Hai 15.000 solicitantes de vivenda pública en Galicia.
  • Temos 330.000 vivendas baleiras que a Xunta non logra incorporar ao mercado. Fixeron un plan para mobilizalas. E só sumaron catro vivendas.
  • No 2022 deixaron sen executar 120,5 M€ do fondo vixente para vivenda (7 de cada 10 euros) e do programa de acceso á vivenda tan só executaron o 8,8% (4,4 M€ dun total de 52 M€).
  • Só en dous anos do goberno de Touriño (2006 e 2007) foron construídas en Galicia máis vivendas de promoción pública (7.241) que nos 14 anos de Feijóo e Rueda (6.313)
  • Ademais, o Bono Alugueiro Mozo do goberno de España, cuxa xestión tiñan que facer as CC.AA. Suma un gran número de queixas por atrasos nos pagos.

Pero o colmo da desfachatez é ter que escoitar a unha vicepresidenta súa dicir que se nega a aplicar a nova Lei de Vivenda, que se nega a tramitar a petición do Concello da Coruña de ser declarada zona tensionada polos prezos tan elevados, e que se escude en que a lei en vigor foi recorrida ante o Constitucional. Pero é consciente desta barbaridade? Sabe cando pode tardar en pronunciarse o Tribunal Constitucional? Pois mire, dígolle, 13 anos tardou en resolver o recurso do PP contra o dereito ao aborto, 7 anos se demorou o seu recurso tamén contra o matrimonio igualitario. E entre tanto que? Pensan estar 7, 8 ou 10 anos sen aplicar a lei e deixando que os prezos da vivenda continúen con esta escalada?

Dende logo que esa é a imaxe que mellor retrata ao seu goberno: cruzarse de brazos, e actuar de comentarista e, se acaso, botarlle as culpas aos demais.

DÉBEDA

Todos estes recortes que acabamos de describir, sacrificios aos que someteron ás clases medias e traballadoras do país, foi un austericidio que tiña un obxectivo: evitar o endebedamento.

Pois ben, nos dous primeiros trimestres de 2023 temos os datos de débeda máis altos da nosa historia. 12.333 M €, unha cifra maior do orzamento anual da Xunta.  Deixaron un “pufo” como diría Feijóo de 4.565 euros por cada galego.

Como era que dicía o alcalde de Madrid, Martínez Almeida? “Seremos fascistas, pero sabemos gobernar”… Bueno, do primeiro non vou a dicir nada, o segundo queda claro que non é certo.

IGUALDADE

Un aspecto de cada vez máis relevancia na sociedade é a igualdade entre homes e mulleres. A reivindicación dos dereitos que lle corresponden á metade da poboación é algo imparable.

É importante que a perspectiva de xénero estea presente en cada unha das decisións que se toman dende o ente público, pero non chega con dicilo, hai que practicalo.

Temos que lamentar profundamente que este sexa un aspectos totalmente secundario para vostedes, non existe unha política de igualdade por parte do seu goberno, non hai unha senda a seguir, non teñen iniciativa porque realmente non cren nela.

E para unha vez que fan algo, convértense en noticia en toda España por unha campaña vergoñenta que nos leva moitos anos atrás e revitimiza ás mulleres, fomenta o medo entre elas e mesmo as responsabiliza das accións do seu agresor.

Cabe recordar que a primeira decisión de Feijóo como presidente do PP de España foi mandar aos seus deputados votar en contra de prohibir o acoso ás mulleres que acoden a interromper o seu embarazo.

Ademais, son vostedes o partido que meteu nas institucións por primeira vez en 40 anos de democracia, a un partido que vai abertamente contra os dereitos das mulleres e considera que a loita pola igualdade é algo a exterminar.

Estas son as cousas que quedan na historia.

LGTBI

En canto ás súas medidas para protexer ao colectivo LGTBI que dicir. Temos que facer unha excepción e destacar que, aínda que tarde, se promoveu o número 028 para que calquera persoa que sufra unha agresión pola súa condición sexual poida denuncialo e recibir axuda.

Unha de area… e moitas de cal. En Galicia temos unha lei LGTBI aprobada nesta Cámara a iniciativa do grupo socialista hai xa nove anos. Pero nin se actualiza esta lei, nin se lle dá contido orzamentario.

Destinan apenas un 0,02% do orzamento a medidas en apoio do colectivo cando os delitos de odio están en aumento. Un estudo de 40db apunta a que un 8,6% das persoas do colectivo LGTBI sufriron agresións homófobas físicas.

No 2022 en Galicia houbo 58 agresións a persoas do colectivo denunciadas. Por favor, poñan todos os recursos necesarios. Cada unha destas agresións pode ser unha vida destrozada.

A GALICIA QUE QUEREMOS CONSTRUÍR

A Galicia rural

Galicia é un país moi rico e diverso, pero existe unha gran parte do mesmo que vive noutra realidade. A Galicia rural sofre diariamente as carencias en servizos públicos.

A cohesión do territorio é esencial, para elo as zonas máis dispersas deben contar cun transporte público axeitado e infraestruturas en condicións, con atención médica de proximidade e escolas para toda a educación obrigatoria, con investimento para desenvolver a actividade económica, así como precisa estar actualizado aos novos tempos ofrecendo, por exemplo, conexión de banda ancha que permita o teletraballo e á xente nova iniciar o seu proxecto de vida nel. Por poñer un exemplo, hai deputados neste pleno que non poderían ver este pleno por streaming, fale cos deputados da súa bancada.

No ámbito rural tamén vemos como, especialmente as persoas maiores que teñen máis complicado a inmersión no campo dixital, non teñen dereito á atención financeira. Cada vez son máis as vilas que non teñen caixeiro e que moito menos teñen unha oficina para ser atendidos persoalmente. Iso tamén é unha forma de discriminación e de promover o despoboamento.

O sector primario está totalmente abandonado á súa sorte. Pequenos e medianos produtores obrigados a competir e negociar con grandes multinacionais que os espremen, que só ven follas de cálculo en Excel, déixannos sen case beneficios e vivindo unicamente das axudas europeas, quen ten acceso a elas. Cada vez é menos rendible ter calquera tipo de explotación gandeira ou agrícola. Esmorece unha forma de entender a vida para moitos galegos.

Unha medida estrela que tiñan era a da fiscalidade cero no rural, que venderon a bombo e platillo, e quedou en puro fume, porque non é certo. Outro fake, sr Rueda. No rural tamén pagan impostos.

Faise preciso unha ordenación debida do territorio para aproveitar de mellor xeito as capacidades que ten o medio natural, peor tamén para protexelo mellor. O abandono do rural que non estamos sabendo frear, xunto aos efectos do cambio climático ten duras consecuencias.

O maior e máis duro exemplo son as vagas de incendios que cada ano asolan os nosos montes, ante as que teñen que loitar brigadas en condicións cada vez máis precarias. Porque a o seu brindis ao sol da ordenación forestal quedou en evidencia como fracasado.

Pasa un ano e outro tamén, non cambia nada e quedamos a mercé dos designios do clima.

LIMPEZA INSTITUCIONAL

Galicia tamén precisa unhas institucións limpas, con transparencia.

Non podemos seguir tendo unha administración paralela, co que vostedes chamaron sempre “chiringuitos”, que xestionan 1.300 millóns do orzamento de forma moi opaca. Nolo di o Consello de Contas ano tras ano, Señor Rueda. Igual tamén por iso lle mostraron a porta ao señor Hernández

TVG

Non podemos seguir cuns medios públicos secuestrados, postos ao servizo do PP. Están denunciando os propios traballadores, hai comisarios políticos que din o que hai que publicar, o que se pode ou non dicir. onde os traballadores viven en loita constante contra o acoso ao que someten a quen non queira seguir as directrices do PP.

Para que a democracia funcione e a cidadanía poida render contas, precisa ser informada debidamente. É un dereito que teñen, señor Rueda. A vostedes dálles igual, crean axendas dos conselleiros para encher minutos de telexornal, para que os coñezan e non dar cabida á oposición e ás críticas da sociedade civil. Non son axendas para solucionar os problemas da xente.

Mentres as noticias locais estean en segundo plano e ocupe gran parte das mesma un relatorio de loas á xestión do goberno, non haberá liberdade real para os galegos e galegas.

Van xa 281 venres negros. Practicamente cinco anos e medio. É a folga máis longa de toda Europa occidental por manipulación informativa. Unha vez máis, noraboa.

GOBERNO SEN INICIATIVA

Galicia non pode seguir agardando a que o goberno decida actuar, están faltos de ideas, non teñen o máis mínimo proxecto para o país. Pasan as oportunidade, vemos como outras comunidade progresan, innovan, se achegan cada vez máis á modernidade, ao século XXI.

En 14 anos ningunha competencia reclamada. Esa é a aposta que fan dende a bancada do PPdeG polo autogoberno. Iso si, logo láianse cando Cataluña consegue as competencias de tráfico e as piden, ou cando Andalucía consegue as de costas, acórdanse vostedes.

Temos referentes na nosa comunidade que son unha mostra do talento, da capacidade para xerar riqueza. Polos de atracción económica como Vigo e A Coruña, o seguen demostrando. Tamén a nivel cultural podemos ter un gran impulso, acaba de gañar a cuncha de ouro en San Sebastián unha película en galego, si, en galego, ese idioma contra o que vostede se manifestou e que queren impedir que se fale no Congreso. Igual pensan que o galego só serve para falar co servizo… ou coas vacas.

Un presidente da Xunta en contra de que ase espalle o galego polo mundo, de que creza. Ese será o seu legado.

Para que Galicia siga crecendo precisa dun goberno con iniciativa, con ideas, con ganas de comerse o mundo. Pero na bancada da miña dereita só vemos desidia, desinterese e unha única motivación: seguir agarrados ao sillón para que nesa gran familia que é o PPdeG poidan todos seguir comendo a fin de mes.

LEGADO

Acabo de mencionar o legado, algo interesante, reflexionemos.

Fraga

Cal é o legado do presidente Fraga? Todos sabemos do seu pasado franquista, non se me enfaden vostedes, pero hai que recoñecer que Galicia axudou a consolidar a autonomía.

Touriño

O presidente Touriño, non me negarán vostedes a súa o seu empeño pola protección do territorio e medidas de reequilibrio social, como a gratuidade dos libros de texto.

Feijóo

Ata a Feijóo podemos referencialo por ser o presidente da austeridade, polas políticas que tanto presumiu de implantar de forma anticipada en España.

Rueda

E chegamos a vostede. Alfonso Rueda Valenzuela, naceu en Pontevedra, o 8 de xullo de 1968.

É o actual presidente da Xunta e do PPdeG por gracia de Feijóo, que non por gracia das urnas, dende xuño de 2022. Tiven que buscalo na Wikipedia, como moitos galegos e galegas.

E por que é coñecido vostede señor Rueda, por que será recordado? Pois hai unha cousa que fixo vostede e que non asumiu ningún dos seu predecesores: pregouse ao mandato dos poderes económicos e rebaixou os impostos aos millonarios. Un regaliño de 34 M€ para as 7.700 persoas máis ricas de Galicia. Rompeu por primeira vez o principio de solidariedade fiscal. Ese é de momento o legado do seu mandato. 

Pero claro, aínda así non se fixo popular, non o coñecen, e vese obrigado a invitar a cañas á xente ou a disfrazarse do pequeno dos Tonechos na televisión autonómica. Vostede ben o dixo, foi “pintar a mona”, supoñemos que ten experiencia á vista do que fai en San Caetano diariamente.

Preguntámonos que é o seguinte, vai ser vostede o substituto de Gayoso?

Non ten propostas, a súa política é puro marketing, pero do malo. Copiou o peor da comida rápida, cos seus bonos desconto; o peor da industria da moda, coa tempada de rebaixas (fiscais).

  • Presidente de prestado

Leva pouco tempo, é verdade, moito máis non vai a durar eh. Pero mirando o panorama, vendo o entre pouco e nada que fixo neste ano, que leva de prestado dende que chegou, cun goberno herdado que só lle deixaron mudar levemente porque o seu xefe reclamou aos conselleiros porque pensaba que ía gobernar en Madrid…

Deixe que pense que aínda que fóra presidente da Xunta durante 20 anos, moito legado positivo non ía deixar.

Voullo dicir ben clariño, para que me entenda. Se non quere estar, marche. Se nota que lle vai grande, déixeo. Se non ten ideas, fale co señor Calvo, igual ten algunha. Por nós marche,  non o imos reter e seguro que algún dos que ten sentados cerca tampouco.

SÓ TEÑEN CONFRONTACIÓN

Pero antes de marchar déanos as grazas aos socialistas, por favor. Non quero pensar eu que faría vostede sen nós.

Mire, eu creo que está contento de que Feijóo non conseguise o apoio da cámara para ser presidente.

En primeiro lugar, porque así non quedaría en evidencia o pouco que lles importa Galicia. Con Feijóo pasaría como con Rajoy, que en sete anos de goberno non fixo un só avance para esta comunidade. Nin transferencias de competencias, o proxecto do AVE hibernado e a AP-9 sen ningún tipo de medida para axudar aos galegos ante o alto custe das peaxes.

E agora ven vostede agora a dicir que non pode dar axudas para a AP-9 porque non está transferida. Non minta, non as da porque non quere. Pero se ata o señor Feijóo prometeu no seu día financiar a construción do AVE a Lugo.

O goberno central como escusa

En segundo lugar, porque que faría vostede? Con que enchería os xornais para tapar as deficiencias da súa xestión que afloran en tódolos ámbitos?

Vostede precisa do goberno socialista para botarlle a culpa a alguén de todos os seus males.

  • Que a sanidade galega ten graves problemas porque se pasaron 14 anos recortando? A culpa é do goberno porque non hai MIR suficiente.
  • Que nos chegan as consecuencias dos nosos recortes en educación? Rebusca na nova lei de educación que algo encontraremos.
  • Que non fixeron nada por regular o prezo das vivendas nin promoveron vivenda pública? Pois acusan ao resto de intervencionistas ou de protexer aos okupas.
  • Que meteron a pata cos estaleiros e co engano masivo de Pemex?, culpa do goberno
  • Que son incapaces de completar o regular o ciclo da auga?, culpa dos concellos . Bueno, non de todos os concellos, dos do PP non.
  • Que levamos unha década incumprindo coa autovía da Costa da Morte ou a de Noia? Pois malo será que non teña unha conselleira que o tape cunha bomba de fume para falar dos trens Avril.

E así podemos seguir toda a tarde.

Só ten o argumento de ir contra o goberno de España, en parte para cubrir a súa incapacidade, pero tamén porque lle obrigan dende o PP de Madrid.

Vostede está subordinado a Feijóo, e Feijóo o está subordinado a Ayuso.

Aí temos ao goberno galego, e ao seu máximo representante, sometido aos intereses de Madrid. “Aquí hacemos lo que nos digan desde la calle Génova”. Pois si que estamos apañados.

E pensa que con este sometemento a Madrid son quen de defender os intereses de Galicia no sistema de financiación autonómica? Mire sr. Rueda, non lle van a deixar nin intentalo. Xa lle digo dende agora mesmo que vostede vai facer “lo que mande Isabel Díaz Ayuso”.

Súmese aos avances

Vostede sempre critica todo, pero nós somos abertos, súmese home.

Súmese ao aumento do salario mínimo como fixo o seu líder: “ai Albertiño, a boas horas eh”. Primeiro di que a suba do SMI ía liquidar milleiros de empregos e logo válelle.

Súmese á reforma laboral, faga como o deputado Casero, e non se deixe guiar polo resto do PP, por Vox ou polo BNG que a rexeitaron, pese a que é innegable a súa contribución á creación de emprego máis estable.

Súmense á lei de memoria democrática, ao récord histórico en recursos para bolsas de estudo, á primeira lei de eutanasia…

Súmese á reforma das pensións para subilas acorde ao IPC, se ata o sr. Feijóo pegou un volantazo e di agora que lle parece ben. Iso si, á hora de votar o PP pulsou o “non”, como fixo tamén o Bloque, votaron en contra dun incremento das pensións do 8,5 % que beneficia a 770.000 galegos e galegos.

Non lle digo de sumarse á aprobación dos orzamentos xerais do Estado, porque xa sabemos que non o fan. Nin sequera votaron eses orzamentos que reflectían a maior rebaixa da historia aplicada ás peaxes da AP-9, rebaixándoas nun 50%, co PP e co BNG en contra.

Imos a darlle a oportunidade, coas transaccións que presentamos neste debate, a que se sumen vostedes a unha política avanzada, progresista, afastada do radicalismo da extrema dereita no que cada vez están máis cómodos.

Súmese como sempre fan, pero fágano xa, non cheguen 5 ou 10 anos tarde. Deixen de poñer o freo de man a este país.

A GALICIA DO FUTURO

Bueno, como o vexo tan intrigado co PSdeG, con quen será o noso candidato ou candidata.

Pois ben, voulle dar unha primicia… colla papel e tome nota. Vostede tamén sra. Candia, que sempre lle interesan estas cousas, colla papel e bolígrafo se quere.

Quero aproveitar esta tribuna para anunciarlles que imos ter unha persoa candidata á presidencia da Xunta, e ademais vai ser quen lle poña o punto e final ao ciclo político do PP en Galicia.

Repítollo por se non anotaron ben: imos rematar dunha vez por todas con este período tan desmoralizante para o país.

E ímolo facer cun proxecto ilusionante que nos reconcilie coas persoas, cos avances sociais, un proxecto que entenda que é máis o que nos une que o que nos separa, unha alternativa que non levante barreiras nin bote man de discursos populistas contra Europa, contra o progreso ou contra os agravios sen fundamento.

E imos a conseguilo con política, con propostas de verdade para revitalizar o país.

  1. Onde vostedes recortaron a sanidade pública creando listas de agarda en Atención Primaria por primeira vez na historia.

Nós recuperaremos a masa de persoal sanitario perdida durante estes anos para garantir o dereito á atención dos galegos e galegas. Ademais, con nós non haberá un só neno nin nena que non teña pediatra.

  1. Onde vostedes pecharon un 1 de 10 colexios públicos e vulneraron o principio da educación pública, universal, de balde e de calidade.

Nós daremos a garantía aos pais e nais de que os seus fillos terán unha escola preto, un transporte escolar axeitado, e sen ter que gastar entre 400 e 600 euros por neno cada setembro nos libros de texto.

  1. Ante a destrución da solidariedade fiscal e os regalos aos millonarios

Os socialistas recuperaremos a xustiza social e o principio de progresividade. Que pague máis quen máis ten. Recuperaremos a tarxeta básica para as persoas máis vulnerables de forma inmediata. A súa retirada foi unha indignidade

  1. Onde vostedes venderon a mans privadas o sistema de residencias, deixando gran parte en mans de grupos confesionais

Nós garantiremos o acceso a unha praza de residencia con garantía de supervisión pública a quen así o demande. Non construiremos residencias con fondos públicos ou de doazóns como as da Fundación Amancio Ortega para entregalas logo a mans privadas. Promoveremos tamén un Servizo de Axuda do Fogar axeitado e ben financiado, onde os traballadores/as teñan os seus dereitos laborais recoñecidos.

  1. Ante o desprezo total por parte da Xunta das vítimas da represión franquista

Impulsaremos as medidas da Lei de Memoria Democrática en Galicia para pechar feridas. Deixaremos de honrar aos ditadores e golpistas. Como se lle pode negar o dereito a alguén a recuperar os restos dun ser querido dunha fosa común para ter onde honralo?

  1. O que fixeron cos medios públicos galegos é unha mostra do seu nulo compromiso coa democracia e a pluralidade

Recuperaremos unha CRTVG que ofreza un servizo público, que responda á pluralidade da sociedade galega e que aposte pola calidade e a promoción da nosa lingua propia. Hai que acabar coas cazas de bruxas en San Marcos e confiar no bo facer dos profesionais.

  1. Despois dunha década e media onde o goberno galego sempre lle rendeu pleitesía ao capital estranxeiro, ás veces ás costas aos traballadores

Defenderemos ás persoas de a pé na súa humilde loita por ter un posto de traballo, por darlle sustento á súa familia e por progresar na vida. Non deixaremos de lado aos traballadores de Alcoa, aos de Endesa nas Pontes, aos de Pescanova, aos das pizarreiras de Valdeorras ou aos do Porriño.

  1. 8. Ante o desleixo manifesto en materia de política industrial.

Nós procuraremos que as fábricas abran as súas portas, e non que colguen carteis de peche. Faremos que Galicia teña unha política industrial punteira e que mire cara o futuro. Temos moita capacidade que está sen desenvolver por culpa da súa desidia.

  1. Mentres vostedes expulsaron o talento de Galicia, regalándolles unha maleta

Nós promoveremos un plan de innovación que aporte mais recursos ás carreira da investigación, que axilice a transferencia do coñecemento científico á empresa e que permita que Galicia acade a medio prazo o gasto en I+D+i de países de centroeuropa como Bélxica, Alemaña, Austria ou Dinamarca, que superan en todos os casos o 3% de PIB.

  1. Tras 14 anos cun goberno pregado ao que digan dende a rúa Génova 13

Defenderemos os intereses de Galicia por riba de todo. Ao igual que facemos agora e sempre fixemos goberne quen goberne en Madrid. O dereito a empregar a nosa lingua, tamén no Congreso, sr. Rueda, por que non. E avanzaremos por esta senda sen abrir disputas baleiras que queden moi ben como slogan, senón con decisións firmes que impacten de maneira positiva na vida os galegos e galegas.

Son tempos cruciais, señor Rueda, das decisións que se toman nesta cámara dependen as vidas de 2.7 millóns de galegos e galegas.

Sexamos capaces de estar á altura das circunstancias. Eu son un firme defensor da importancia da colaboración na política, do diálogo, da capacidade para derrubar as barreiras ideolóxicas e traballar xuntos para construír un país mellor.

Como ben dixo Concepción Arenal: “As forzas que se asocian para o ben non se suman, se multiplican”.

Todo o que expuxen, as eivas que ten este país, preocúpannos de verdade, queremos poñerlles solución canto antes. Por elo, agardo que saiban escoitar e deixen a un lado os cálculos electorais, partidistas. Cando lles chegue unha proposta de resolución que crean de verdade que serve para mellorar a vida da xente, pídolles humildemente en nome deste grupo, que voten a favor.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

O Grupo Socialista esíxelle á Xunta unha ordenación axeitada da eólica para que Galicia non perda a oportunidade de liderar a transición enerxética

A voceira de Industria e Enerxía, Patricia Iglesias, sinálalle ao Goberno galego a necesidade de facer das renovables “unha prioridade…

19/05/2024 15:29

Nicolás González Casares reivindica o reforzo de Galicia na rede transeuropea de transportes e aplaude o investimento de 4.500 millóns de euros para o corredor atlántico

O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo sinala que “demostramos que o noso obxectivo é facer Europa dende Galicia e…

18/05/2024 11:38

Nicolás González Casares esíxelle a Xunta e PP que se sumen ao consenso na defensa do galego: “se o PP quere, o galego será lingua oficial en Europa en cuestión de meses”

Participa na manifestación na defensa da lingua celebrada en Compostela   O candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares,…

17/05/2024 14:16

Besteiro, na homenaxe a Luísa Villalta: “A defensa da nosa lingua é hoxe máis necesaria que nunca”

O secretario xeral do PSdeG lembra que os socialistas adiantaron no Parlamento o 11 de abril un gran pacto polo…

17/05/2024 13:31

O PSdeG constitúe o comité de campaña para as eleccións europeas

Nicolás González Casares, Lorena Guerra e Elba Veleiro forman parte da candidatura de España nas eleccións europeas do próximo 9…

16/05/2024 19:04

Carlos López Font esíxelle á Xunta que cumpra coa legalidade no transporte de viaxeiros por estrada

Denuncia a “escasa ou nula transparencia” por parte do goberno galego e alerta dun empeoramento no servizo   O portavoz…

16/05/2024 18:29