A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle hoxe ao PP e ao goberno galego que acade unha “proposta consensuada e unanimemente apoiada” para presentar a candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Presentou unha emenda á iniciativa do PP debatida hoxe, que o PP impediu incorporar ao texto, co que os socialistas se abstiveron na votación.
A responsable socialista advertiu que “calquera candidatura galega debe basearse no consenso para que prospere, se non, o proxecto nace morto”, polo que acusou ao PP de “utilizar ao Parlamento para facer oportunismo político e agochar o seu propio fracaso”. Reclamou así un “proceso de diálogo con todos os concellos e coa veciñanza dos arquipélagos que compoñen o Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas”.
Vilán lembrou que o PNMT das Illas Atlánticas está formado polos arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes, que á súa vez forman parte dos concellos de Vigo, Vilagarcía e Bueu, aos que o PP “atacou para embarrar o campo e debilitar así a candidatura”. Unha candidatura que compite, dentro de Galicia, coa do Ferrol da Ilustración –dende 2007-, a Ribeira Sacra ou o Parque Natural Ancares – Somiedo.
Sinalou o desleixo do goberno galego na defensa deste Parque, declarado como tal nunha lei de 2002, que obrigaba a elaborar un plan reitor do mesmo, e que o PP tardou 10 anos en presentar dende que o parque fora transferido a Galicia, en 2008.