Categorías: Actualidade Secretaría Xeral

Besteiro: “O PP atranca o uso do galego en Europa mentres aquí Rueda fai propaganda co pacto pola lingua”

O portavoz socialista no Parlamento de Galicia esixiu a Rueda que aclare se vai defender o galego en Bruxelas ou seguirá consentindo o veto do seu partido en todas as institucións

 

O eurodiputado Nicolás González Casares lembrou que o Goberno de España impulsou este recoñecemento para as tres linguas cooficiais na Eurocámara, “e mentres os gobernos vasco e catalán apoian activamente a medida, o único que cala e pon escusas é o Goberno de Galicia”

 

A deputada Silvia Longueira avanzou que o Grupo Socialista interpelará ao conselleiro de Cultura no Pleno do Parlamento da próxima semana para que explique cal é a súa posición ante este novo veto

 

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2025. O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, xunto co eurodeputado Nicolás González Casares e a deputada Silvia Longueira, denunciaron hoxe en rolda de prensa a actitude do Partido Popular ao bloquear o recoñecemento do galego como lingua oficial en Europa, mentres en Galicia o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fai propaganda cun suposto pacto pola lingua sen garantir compromisos reais.

 

Besteiro sinalou que “o Partido Popular demostrou, unha vez máis, que non ten ningún interese en defender o galego. En Bruxelas, o seu vicepresidente no Parlamento Europeo, Esteban González Pons, seguindo a liña marcada por Feijóo, segue poñendo trabas á oficialidade do galego. Xa o fixeron no Congreso e no Senado, e agora repíteno en Europa”. O portavoz socialista esixiu a Rueda que aclare se vai defender o galego ou se seguirá consentindo o veto do seu partido en todas as institucións.

 

O eurodeputado Nicolás González Casares, que participou na rolda de prensa dende Bruxelas,  lembrou que o Parlamento Europeo xa permite a interpretación de varias linguas oficiais dos Estados membros, pero o galego segue sen ese dereito. “Isto non é unha cuestión técnica, é unha cuestión de dignidade e de igualdade de dereitos. O Goberno de España impulsou este recoñecemento para as tres linguas cooficiais, e os gobernos vasco e catalán apoian activamente a medida. O único que cala e pon escusas é o Goberno de Galicia”, afirmou.

 

Pola súa banda, Silvia Longueira incidiu na necesidade de que a Xunta tome medidas concretas e non se limite a facer anuncios sen contido real. “O galego non precisa máis palabras baleiras. Precisa accións. A Xunta ten que esixir publicamente ao seu propio partido que deixe de poñer trabas ao galego en Europa e dirixirse formalmente ás institucións comunitarias para apoiar a súa oficialidade no Parlamento Europeo”.

 

Ademais, Longueira avanzou que o Grupo Socialista interpelará ao conselleiro de Cultura no Pleno do Parlamento da próxima semana para que a Xunta explique cal é a súa posición ante este novo veto do PP e se vai asumir algún compromiso real para reverter esta situación. “Queremos unha resposta clara. Non valen máis escusas nin evasivas. A Xunta ten que defender o galego sen ambigüidades”, concluíu.

 

Desde o Grupo Socialista, consideran que o PP está a boicotear a promoción do galego, tanto dentro como fóra de Galicia, e que así “non hai pacto posible, só propaganda”. O Partido Socialista, concluiu Besteiro,  “seguirá traballando por garantir a defensa do galego en todos os ámbitos, dentro e fóra das institucións galegas, e continuará esixindo responsabilidades á Xunta para que se posicione de forma clara a favor da nosa lingua”.

 

As declaracións de Gómez Caamaño, más propias dun “cuñao” que dun conselleiro

 

En resposta a preguntas dos  xornalistas sobre as últimas declaracións do conselleiro de Sanidade sobre a APP do Sergas e o seu uso por parte dos maiores, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou: “Non se pode estar en plan cuñao falando das cousas das que un conselleiro debería falar con rigor e con precisión”.

 

“A Gómez Caamaño pedímoslle seriedade porque no acceso ás novas tecnoloxías hai unha parte da poboación que ten máis dificultade e iso é algo que non pode negar, ni que sexa obxecto de chanzas”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Secretaría Xeral

Besteiro denuncia na Pobra as falsidades de Rueda con Altri: “Non é un proxecto sostible, nin un proxecto de futuro, é simplemente unha gran mentira”

O secretario xeral do PSdeG participou na manifestación contra Altri na Pobra e acusou ao…

22/03/2025
  • Actualidade

O PP recúa e xa non quere un Plan Integral de Turismo para Galicia

Lara Méndez esíxelle ao PP e ao goberno galego que expliquen o cambio no sentido…

21/03/2025
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia que a Xunta discrimina á comarca de Bergantiños ao negarse a axilizar a ampliación do Polígono de Bértoa -Carballo-

Patricia Iglesias critica a “hipocrisía” do portavoz do PP no Concello, que hoxe votou en…

21/03/2025
  • Actualidade

Torrado: “Galicia merece un modelo industrial transparente e sostible, non unha operación chea de interrogantes e sen garantías”

O portavoz da Executiva anima a todos os galegos e galegas a participar na manifestación…

21/03/2025
  • Actualidade

Carmen Dacosta acusa á Xunta de “darlle as costas” aos traballadores e traballadoras de Faurecia -Forvia- de Ourense

Lamenta o voto en contra do PP a unha proposta para reclamarlle á Xunta que…

20/03/2025
  • Actualidade
  • Secretaría Xeral

Besteiro chama a mobilizarse en defensa da sanidade pública galega ante a desidia de Rueda

José Ramón Gómez Besteiro, Elena Espinosa e Julio Torrado mostraron a SOS Sanidade o apoio…

20/03/2025