Categorías: Secretaría Xeral

Besteiro esíxelle a Rueda que lidere a resposta á crise dos aranceis “e non deixe pasar os problemas tratando de minimizalos”

O secretario xeral do PSdeG reclámalle ao presidente da Xunta medidas de apoio aos sectores afectados, “con axudas complementarias” ás que está habilitando o Estado e promovendo a apertura de novos mercados

O líder socialista criticou a posición “absurda” da Xunta na reunión entre o Ministerio de Economía e as comunidades autónomas para coordinar iniciativas: “Non levou propostas,  coma sempre, pero si reclamou máis cartos”

“Rueda ten que liderar a resposta á crise dos aranceis, debe poñerse á fronte da situación e non deixar pasar os problemas tratando de minimizalos sen darlles a importancia que teñen”. Así lle reclamou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ao presidente da Xunta que poña en marcha medidas de apoio aos sectores afectados pola guerra comercial que acaba de abrir Trump. Entre elas citou “axudas complementarias” ás que está a habilitar o Estado, apostar pola internacionalización “traballando na apertura de novos mercados” e fomentar a dixitalización, entre outras. O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego sinalou que se trata de iniciativas que xa están poñendo en práctica outras comunidades autónomas, como Cataluña e Asturias, gobernadas por socialistas.

Besteiro fixo esas declaracións durante a súa visita á adega Martín Códax, en Cambados, “unha das máis importantes das Rías Baixas e de Galicia”, referencia dentro dun sector, o vitivinícola, que é “extraordinariamente importante” para a economía da comunidade autónoma pola súa contribución ao PIB (1,4 % do total) e ao emprego, con preto de 16.000 traballos directos.  A día de hoxe, un terzo da produción da denominación de orixe está destinada aos mercados internacionais, entre os que o estadounidense é o primeiro. Esa internacionalización dos viños galegos, “cunha mellora constante durante anos”, vese agora ameazada pola subida dos aranceis.

“Fronte a iso, hai que reaccionar”, afirmou o líder socialista, e recordou que a semana pasada ofreceuse a manter unha xuntanza con Rueda “para abordar estas cuestións que afectan a sectores tan importantes como o agroalimentario e o industrial, fundamentalmente o da automoción”. Porén, lamentou que o presidente galego rexeitase esa proposta de colaboración. “Para nós, esas decisións son importantes, porque Galicia xógase moito e neste momento hai que traballar en colaboración, como están facendo Europa e o Goberno do Estado”, explicou.

Criticou, en relación a esa falta de cooperación na que considera “unha cuestión de país”, que na reunión de onte entre Ministerio de Economía e as comunidades para coordinar iniciativas, a Xunta, “coma sempre”, mantivo unha posición “absurda”. “Non levou propostas, pero si reclamou máis cartos”, censurou.

“Rueda ten que liderar —insistiu— como é a súa responsabilidade”. “E ten que apostar por que o PP apoie o decreto que o Goberno vai levar a convalidar ao Congreso para que as medidas de apoio que habilitou favorezan a todas as empresas. Feijoo debe votar a favor dese decreto”, advertiu, xa que a través del activouse un plan de 14.100 millóns de euros que darán soporte ás compañías españolas e ao emprego. O secretario xeral advertiu que “a Galicia tamén lle vai moito nesas axudas que abre o Estado”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Secretaría Xeral

Besteiro condiciona o apoio socialista aos Orzamentos á inclusión de cinco medidas para devolver xustiza social a unhas contas feitas para o 4% que máis ten

O líder socialista levou ao Parlamento a voz das 22.700 persoas sen vivenda pública, das…

17/11/2025
  • Actualidade
  • Secretaría Xeral

Besteiro chama a erguer Galicia fronte á onda reaccionaria e reivindica ao PSdeG como o dique democrático que garante igualdade e futuro

O líder socialista criticou que Alfonso Rueda “deixou de exercer como presidente de Galicia para…

15/11/2025
  • Actualidade

O Grupo socialista reclámalle á Xunta “pasar do postureo á acción” para reducir o desperdicio alimentario

Lara Méndez considera que as iniciativas do goberno galego son “insuficientes” para chegar ao obxectivo…

14/11/2025
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia no Parlamento a “moratoria flexible” do eucalipto coa que Rueda rompe co compromiso de protección do monte

Carmen R. Dacosta acusa á Xunta de ocultar ata onte os datos que confirman o…

14/11/2025
  • Actualidade
  • Secretaría Xeral

Besteiro esixe a Rueda dende Bruxelas que reoriente os fondos Feder a políticas de vivenda para combater a emerxencia habitacional

A vivenda foi un  asunto prioritario nas reunións de Besteiro na Comisión e no Parlamento…

14/11/2025
  • Actualidade

O Grupo socialista apoia a reivindicación do deporte galego diante da “improvisación e falta de diálogo” da Xunta na xestión das alertas meteorolóxicas

Paloma Castro leva ao Parlamento a reclamación do deporte galego para revisar o protocolo que…

14/11/2025