O candidato socialista subliña que “foi o Partido Socialista o que puxo a Ferrol a navegar de novo”
Reprocha “a hipocrisía de Feijóo e Rueda” nas negociacións con Puigdemont e destaca que “imos conseguir que o 18 de febreiro as mentiras salgan do goberno da Xunta de Galicia”
Comprométese a rematar a Vía de Alta Capacidade pola costa e a recuperar as frecuencias perdidas no transporte metropolitano
Nun acto con Zapatero asegura que “queda unha semana para que Galicia cambie de rumbo cara a un futuro máis próspero e igualitario”
Dende Ferrol, anuncia que haberá sorpresa o próximo domingo e que empeza a coller calor o voto socialista para chegar á Presidencia de Xunta.
Ferrol, 11 de febreiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeu hoxe nun mitin en Ferrol que cando sexa presidente da Xunta liderará un acordo de país con empresarios e sindicatos para mobilizar 10.000 M€ de investimento e conseguir que o PIB industrial pase do 16% actual ao 20%, que é a media española, o que vai supoñer 100.000 empregos no sector industrial e noutros sectores económicos. Trátase do primeiro gran acordo de país que impulsarán os socialistas desde a presidencia da Xunta.
Besteiro reivindicou con firmeza que “fomos os socialistas os que puxemos esta cidade a navegar de novo”. Referiuse así á “aposta sen precedentes liderada polo Goberno de España por reindustrializar a comarca de Ferrol e o conxunto de Galicia con preto de 7.000 millóns de investimento para a construción das fragatas F-110, a modernización das F-100, a construción do novo Buque de Aprovisionamento en Combate (BAC) e a fábrica de bloques de Navantia, entre outros investimentos.
Lembrou que se trata da maior inxección económica realizada nun estaleiro español da historia, grazas á que se xerarán máis de 10.000 postos de traballo e carga laboral para os vindeiros 10 anos. Sinalou que “é un esforzo importantísimo que serviu para apuntalar o presente e o futuro desta cidade e desta comarca”.
Así, explicou que grazas aos socialistas, “onde antes había pisos baleiros agora hai vida, onde antes se falaba de decadencia, agora fálase de progreso e prosperidade, e todo grazas ao modelo de reindustrialización que queremos exportar a toda Galicia a partir do 18”.
Afirmou que “fronte as mentiras e o fume do PP que condenaron a Ferrol a ser unha cidade sen futuro, cos socialistas na Xunta faremos como o Racing, un equipo de primeira para unha cidade de primeira”. E para iso destacou que “ofrecemos máis emprego, máis empresas e máis industria e, como non, máis igualdade, máis dereitos e máis ambición de país”.
Nun acto ante máis dun milleiro de persoas na Praza da Constitución no que tamén participou o expresidente, José Luis Rodríguez Zapatero, Besteiro fixo fincapé na necesidade de que sexa “o Partido Socialista quen siga liderando a transformación de Ferrol e de Galicia cara a un futuro máis próspero e igualitario para todos os galegos e galegas”. Porén, asegurou que “só queda unha semana para cambiar de rumbo e para dicirlle adeus a un PP cada vez máis integrista, rancio e inmobilista”.
Chamou á mobilización de toda a sociedade galega o día 18 e apelou a “confiar no Partido Socialista como a forza política capaz de liderar o cambio seguro a través dos valores de xustiza social e igualdade que xa nos fixeron referencia con Zapatero no Goberno de España e Touriño na Xunta”, sinalou.
Besteiro lembrou o legado de “loita e compromiso social” que o Partido Socialista e Zapatero levaron consigo ao longo dos anos e pediu o voto para o PSdeG porque “somos o partido que defendeu e promoveu os dereitos e liberdades sociais en toda España, o da igualdade entre homes e mulleres, o que traballou incansablemente pola xustiza para todos os cidadáns e hoxe, máis que nunca, é crucial que levemos esa mesma visión de progreso e benestar a Galicia”.
“A alternativa”, dixo, “son catro anos máis dun PP sen ambición de país, dun Rueda sen proxecto que prefire facerlle oposición ao Goberno central ca xestionar investimentos para Ferrol e que se suma ás políticas excluíntes e reaccionarias da ultradereita antigalega”, subliñou.
A mentira de Feijóo e Rueda
Besteiro tamén reprochou “a mentira de Feijóo e Rueda” nas negociacións con Puigdemont, xa sabíamos que falaban con elcon Puigdemont, pero que falaban en firme da amnistía non o sabíamos. Un pouco pillín Feijóo, un pouco mentiroso. A mentira, iso que envolve ao PP e que volve a aparecer outra vez aquí”. “Porque a mentira tamén acompaña a Rueda aquí en Galicia, o vimos coa crise dos pélets, mentira, mentira e mentira”, lamentou. Así mesmo, concluíu advertindo ao PP que “imos conseguir que o 18 de febreiro as mentiras salgan do goberno da Xunta de Galicia”.
Compromisos
O candidato socialista reafirmou seu compromiso con Ferrol Terra e anunciou que se vai promover desde a Xunta un clúster da industria da Defensa, un dos sectores que aportan máis valor engadido.
Tamén lembrou a promesa de xestionar co Goberno de España a construción dun dique cuberto para finalizar a modernización do Estaleiro de Navantia, impulsar a financiación por parte da Xunta de Galicia dun novo dique de reparacións no estaleiro de Ferrol e crear un Centro de Formación da Industria Naval e das Enerxías renovables.
Mobilidade e infraestruturas
José Ramón Gómez Besteiro tamén manifestou como prioridade rematar a construción da vía de alta capacidade (VAC) pola costa que está sumida nunha parálise total dende que goberna o PP e que suma atrasos po máis dunha década.
Sinalou que o Goberno socialista na Xunta de Galicia tamén porá fin ao “caos na mobilidade” en Ferrol e recuperará as frecuencias e paradas suprimidas no transporte metropolitano da comarca. Un asunto que, sostivo, é xeneralizado en Galicia onde o “transporte público é un auténtico fiasco, malia que a Rueda agora agora lle dea por subirse moito aos autobuses”.
Cidade deportiva
Entre os compromisos electorais que tamén adquiriu Besteiro, apuntou a que se apoiará ao Racing de Ferrol para que poida crear a súa cidade deportiva, no marco da aposta dos socialistas polo impulso ao Deporte. Fronte esta medida, lembrou que a Xunta non investiu nin un só euro nas instalacións deportivas da cidade “polo que as súas promesas á desesperada ás portas dunhas eleccións teñen cero credibilidade”.