
Patricia Iglesias denuncia a “ambigüidade política e administrativa” do goberno galego fronte ao recente anuncio de alegacións por parte de Altri
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, alertou hoxe de que o corazón verde de Galicia “corre perigo” pola “ambigüidade política e administrativa” do goberno galego coa macrocelulosa de Altri. Logo do anuncio da empresa de presentar alegacións contra o arquivo do proxecto, Iglesias presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle ao goberno galego que dite de forma inmediata a “resolución definitiva denegatoria” da pasteira.
A responsable socialista alerta de que o anuncio da multinacional evidencia que a empresa pretende manter indefinidamente a tramitación dun proxecto inviable, e que o goberno galego quere evitar a toda costa adoptar unha decisión definitiva sobre o fondo do proxecto.
Esixiulle por iso á Xunta que tome medidas efectivas para despexar calquera dúbida de acordos baixo a mesa coa empresa, que resultan “máis que sospeitosos logo da acumulación de feitos que levan ao punto no que estamos”. Apuntou ás “dúbidas fundadas” que provoca a negativa do goberno galego a tomar ningunha decisión en contra da empresa súmase a que non queiran facer público o acordo asinado coa pasteira e a retirada da protección ambiental da zona afectada.
Lamentou que os feitos veñen confirmar as advertencias sinaladas polos socialistas galegos sinalando que o arquivo do procedemento “non resolvía a cuestión de fondo, nin impide que o proxecto poida ser reformulado e volver tramitarse no futuro”, e por iso “Galicia precisa dunha decisión firme e definitiva, non unha paralización provisional”.
Explicou que a inviabilidade do proxecto non depende só da conexión eléctrica, senón dos impactos ambientais sobre a bacía do Ulla, o elevado consumo de auga, as emisións contaminantes, a afección ao modelo agrario e forestal, a falta de encaixe coa transición ecolóxica ou o forte rexeitamento social.
Ademais, alertou do risco de que a “actuación errática” da Xunta poida derivar nunha eventual reclamación de responsabilidade patrimonial con cargo aos recursos públicos de Galicia. Iglesias sinalou que “Galicia non pode permitir nin opacidade, nin retrocesos na protección ambiental para favorecer proxectos industriais que non acreditan o cumprimento do principio de non causar dano significativo ao medio ambiente”.
Iniciativa
Por iso reclámalle á Xunta que comece por ditar de forma inmediata a resolución definitiva denegatoria do proxecto, denegar a Autorización Ambiental Integrada, a concesión do aproveitamento de augas e calquera outro acto administrativo ou autorización sectorial vencellada ao proxecto.
Tamén reclama que fagan público o memorando secreto subscrito entre a empresa e o daquela conselleiro de Industria en calidade de presidente da Sociedade impulsa Galicia, e esixiu garantías de que o goberno galego non vai asumir con fondos públicos ningunha indemnización ou responsabilidade patrimonial derivada da eventual denegación do proxecto.
A responsable socialista pide finalmente a renuncia expresa á aplicación dos mecanismos de responsabilidade patrimonial previstos na Lei de Política Industrial de Galicia con relación a este proxecto.