Categorías: Secretaría Xeral

Besteiro: “a única Galicia que pode gobernar Galicia xa está en marcha”

O líder dos socialistas galegos fixo un chamamento á mobilización, deixando claro que non hai atallos nin terceiras vías: “O único cambio posible en Galicia pasa polo PSdeG”

 

Besteiro advertiu que a dereita galega instalou o país nunha espiral de decadencia, mentres o Goberno de España ofrece solucións reais. “Rueda négase a aceptar a condonación de 4.000 millóns de euros da débeda autonómica só porque é unha medida socialista”

 

O secretario xeral iniciou a súa intervención explicando un a un “por que somos a única esquerda que pode”

 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, proclamou hoxe na clausura do 15º Congreso Nacional do Partido Socialista de Galicia que o PSdeG é a única esquerda con capacidade de gobernar Galicia: “Somos a alternativa real ao conformismo do PP e á Galicia da resignación que impón Rueda. Somos a esquerda que pode, a única esquerda que pode”, afirmou ante un auditorio cheo de militantes e simpatizantes.

 

Estamos preparados e preparadas para gobernar porque somos capaces de liderar o cambio en Galicia.

Hoxe comeza ese camiño. Non é unha frase feita, é unha firme convicción.

Sei que podemos ser a alternativa política en Galicia para cambiar este país.

Somos a esquerda que pode, a ÚNICA esquerda que pode:

A única, porque lideramos a transición ecolóxica, sen demagoxias.

A única, porque damos a cara, orgullosos do que defendemos, sen caretas, sen Entroido.

E a única, porque querer á túa lingua é compartila, sen apropiacións indebidas.

Por estas e moitas máis razóns, este partido ten unha folla de ruta propia e é a ÚNICA esquerda que pode. Estou convencido!”

 

Acompañado polo presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, Besteiro reivindicou o papel clave do socialismo para transformar Galicia, denunciando a parálise de 16 anos de gobernos do PP e poñendo en valor as políticas progresistas que xa están a mellorar a vida dos galegos grazas ao Goberno de España. “Dicían que era imposible manter un goberno de progreso en España e fixémolo. Fixéchelo, Pedro!”, exclamou Besteiro, arrincando un sonoro aplauso.

 

O líder dos socialistas galegos fixo un chamamento á mobilización da esquerda, deixando claro que non hai atallos nin terceiras vías: o único cambio posible en Galicia pasa polo PSdeG. “Aquí hai tres opcións: unha dereita que só goberna para os seus, un nacionalismo que se pecha en si mesmo e un proxecto socialista que sempre puxo Galicia no centro. Nós somos a esquerda de todos e todas, a esquerda galega, a esquerda que pode e que vai gobernar”, asegurou.

 

Un modelo de futuro fronte á decadencia do PP

 

Besteiro denunciou na súa intervención que a sanidade galega está ao límite e que máis de 200.000 galegos seguen agardando por unha cita cun especialista. “Cada día de goberno do PP en Galicia é un día máis de deterioro da sanidade pública e de negocio para a privada”, advertiu. Reiterou o compromiso do PSdeG de reforzar a Atención primaria e reducir as listas de espera, garantindo un sistema sanitario público forte e accesible.

 

Tamén puxo o foco na necesidade dunha política de vivenda que dea respostas reais á mocidade. “Cada día hai tres novos solicitantes engrosando unha lista de espera interminable para acceder a unha vivenda. Por iso, o PSdeG creará un Banco Público de Alugueiro, para garantir prezos accesibles e que ningún mozo ou moza teña que marchar de Galicia por non poder pagar unha casa”, anunciou.

 

Besteiro advertiu que a dereita galega instalou o país nunha espiral de decadencia, mentres o Goberno de España impulsado polo PSOE ofrece solucións reais. “Rueda négase a aceptar a condonación de 4.000 millóns de euros da débeda autonómica só porque é unha medida socialista. A alguén lle entra na cabeza que te chamen para dicirche que non pagues un terzo da débeda e ti digas que non? Este é o ‘sentidiño’ do PP”, ironizou.

 

Na súa intervención, denunciou así mesmo a manipulación dos medios públicos en Galicia ao servizo do PP e asegurou que o PSdeG traballará para recuperar a pluralidade informativa. “Os galegos e galegas vivimos en liberdade vixiada. A Radio e Televisión Pública de Galicia converteuse nunha factoría de bulos e manipulacións co único obxectivo de perpetuar a dereita no poder. Iso ten que rematar”, afirmou.

 

Sobre o modelo económico, Besteiro apostou pola reindustrialización e a transición ecolóxica, pero sen permitir “trampas nin especulación”. Referiuse directamente ao proxecto de Altri en Palas de Rei, deixando claro que “ningún modelo industrial será imposto en Galicia sen transparencia, respecto ao medio ambiente e garantías para a cidadanía”.

 

Ademais, subliñou que a convivencia territorial é clave para o futuro do país. “Defendemos unha Galicia ben conectada cara ao exterior e no seu interior. Non queremos unha Galicia de dúas velocidades”, afirmou.

 

Tamén destacou a importancia da convivencia social: “Falamos dos servizos públicos, da sanidade, da educación, da dependencia, da vivenda. Falamos da convivencia social. Nós non imos permitir que a mocidade sexa a ‘xeración sen casa’. Defendemos un Banco Público de Alugueiro para garantir o acceso á vivenda”.

 

Finalmente, fixo unha defensa apaixoada da democracia e da unidade europea fronte aos perigos do ascenso da extrema dereita e do nacionalismo excluínte. “O PP foi o cabalo de Troia co que a extrema dereita chegou ás institucións. En Galicia non, porque aquí a extrema dereita xa está acomodada no PP”, advertiu.

 

O secretario xeral do PSdeG concluíu o seu discurso asegurando que “este Congreso marca o inicio dun camiño sen volta atrás. Galicia necesita un cambio e nós lideraremos ese cambio. Sen unha soa pinga de dúda. Ímolo facer!”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

Nicolás González Casares acusa a Rueda de incumprir co seu comrpomiso de convocar aos representantes galegos nas súas visitas a Bruxelas

O eurodeputado socialista galego sinala que “Galicia precisa dun presidente que una ás forzas políticas…

02/07/2025
  • Actualidade

Paloma Castro esíxelle á Xunta que poña en marcha o novo sistema de xestión da xustiza en lingua galega “dende o día 1”

lembra que o PP nunca implantou o galego no anterior sistema nos seus preto de…

02/07/2025
  • Actualidade

Os socialistas comparten de madrugada co estudantado as colas da vergoña para buscar piso: “A nula política de vivenda e de residencia de Rueda provoca esta situación”

Patricia Iglesias anuncia unha batería de iniciativas parlamentarias para que a Xunta mobilice vivenda baleira…

02/07/2025
  • Secretaría Xeral

Besteiro, sobre a negativa da Xunta a levar a Autovía da Costa da Morte ata Cee: “Redobraremos a ofensiva para poñer fin a esta discriminación”

O secretario xeral do PSdeG criticou que o PP votase no Parlamento e na Deputación…

02/07/2025
  • Actualidade

“Pinza de complicidade” entre PP e BNG para impedir que Besteiro poida exercer as preguntas ao presidente que lle corresponden

Elena Espinosa apunta á solución concedendo 11 minutos máis nun Pleno por cada período de…

01/07/2025
  • Actualidade

Font acolle con escepticismo a Estratexia da economía azul da Consellería do Mar, que chega “sen credibilidade nin ambición real”

Cuestiona a xestión “opaca, ineficaz e máis preocupada pola propaganda que pola realidade” por parte…

01/07/2025