O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe a negativa do PP a apoiar unha proposta socialista para pedirlle á Xunta que presente a avaliación do I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei en Comisión que foi rexeitada polo PP, que así “ampara a decisión do goberno de non dar información”.
Álvarez sinalou que “algunha razón haberá” para manter o escurantismo sobre este plan posto en marcha en 2016 e que rematou a súa vixencia no pasado curso 2019-2020. Sinalou que “a lo mellor é que os indicadores non dan de si para dicir que a cousa foi un éxito”, co que teñen convertido a iniciativa “no misterio de Fátima”.
O responsable socialista criticou que o PP rexeitara con anterioridade tódalas peticións de información do Grupo Socialista porque o dito Plan aínda estaba en execución, para agora rexeitala “porque xa está rematado”. Polo camiño, o goberno galego respondeu de forma idéntica ás 27 preguntas escritas presentadas polo Grupo Socialista por cada un dos 27 indicadores distintos previstos.
Puntualizou que “non é cuestión de necidade por parte do Grupo Socialista, trátase de ver se tivo unha avaliación seria sobre os indicadores previstos para coñecer o cumprimento dos seus obxectivos, xa que é unha iniciativa fundamental e tan necesaria para o sistema educativo”. Luis Álvarez sinalou que “sempre dixemos que o Plan era extraordinariamente necesario, e posiblemente sexa necesario continuar co seu desenvolvemento”.
O Plan, lembrou, está orientado a inverter a tendencia de aumento das condutas discriminatorias e dos estereotipos sexistas entre o alumnado dos centros educativos, a través de catro principios, que son a transversalidade, a sociedade igualitaria, o obxectivo “violencia 0 nas aulas e na sociedade” e a inclusión e integración da diversidade, establecendo seis eixos.