A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou ao goberno galego de “poñer en risco” un investimento de 4,5 millóns de euros de fondos Feder concedidos a Lalín para executar o Plan Director de Saneamento e Depuración do Concello. Así o dixo durante unha visita á Edar de Lalín, hoxe xunto co portavoz municipal do Grupo Socialista, Nicolás González Casares, e a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de ter “secuestrado” o Plan Director dende que hai 5 meses se comprometera no Parlamento a rematar o proxecto que “supostamente daquela xa estaba feito”. Alertou de que esta “dilación interesada” do goberno galego sitúa ao Concello nun “risco certo de perder os fondos europeos”, que teñen que estar executados en 2022 cun 80 por cento procedentes da UE e outro 20 por cento do goberno galego.
Vilán lembrou que o Concello ten un orzamento total de 14,1 millóns de euros, polo que afrontar un investimento deste volume resulta “inviable”, mentres a depuración e saneamento resulta “fundamental” para os veciños e veciñas. Tanto é así, sinala, que ata o propio portavoz do PP no Concello ten feito bandeira na súa candidatura ao Concello.