Categorías: Actualidade

A Xunta leva 15 anos sen desenvolver a Lei que regula as emerxencias climáticas de Galicia

Paloma Castro critica o “inactivismo medioambiental” da conselleira, que deixa toda a política “no papel e sen accións reais” máis alá do reparto discrecional dos fondos para beneficiar a concellos do PP

 

A portavoz de Interior do Grupo Socialista, Paloma Castro, alertou hoxe de que o goberno galego leva 15 anos sen desenvolver o regulamento da Lei de Emerxencias de Galicia. Castro presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento diante do desleixo do goberno galego diante de posibles catástrofes climáticas e alertou da falla de coordinación e de preparación fronte a estes fenómenos provocados polo cambio climático.

 

Lembrou que malia ter votado no seu día en contra da Lei de Emerxencias de Galicia, que creou a Axencia Galega de Emerxencias -Axega-, elaborada polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, a día de hoxe non foron quen de desenvolver un regulamento que garanta a aplicación da Lei e un funcionamento máis eficiente do Plan director.

 

Advertiu que o goberno galego está a deixar de lado a necesidade de coordinación coas administracións locais. Insistiu na necesidade de preparar a resposta diante dunha emerxencia como a vivida naquela Comunidade Autónoma, que se converteu en traxedia pola “xestión irresponsable” do goberno da Generalitat Valenciana.

 

Castro explicou que nun caso como o de Valencia e “incluso moito menor” terían que traballar de maneira coordinada consorcios, parques municipais e GES, xa que neste momento non existe unha escala de mando unificada, polo que “o desastre está garantido”. Advertiu que non se realizan exercicios nin simulacros, nin existen procedementos de actuación que contemplen este escenario multi axencia e falla a coordinación tamén co servizo de Bombeiros Forestais.

 

Así o demostrou coa xestión “moi mellorable” do servizo de emerxencias por parte da Axencia de Emerxencias de Galicia -Axega-. Lembrou que o goberno galego non puxo en marcha ao Servizo de Bombeiros para atender ás 1.300 incidencias rexistradas polo 112 durante o temporal Kirk, malia que si que os mobilizaron parcialmente para acudir en axuda de Valencia, o que saudou.

 

Unha Axega, lembrou, que si que se preocupa polo contrario de repartir “a dedo” entre os concellos o material que adquiren, e que levan 3 anos sen dar conta de 110 tablets compradas en 2021 por un valor de 80.333 euros, o 75 por cento a cargo da UE, que ían destinadas á colaboración con Castela e León e o Norte de Portugal.

 

En definitiva, chamou a mellorar os medios materiais, profesionalizar as plantillas e facer o reparto de recursos con transparencia, ademais de despregar campañas informativas en zonas de risco informando sobre medidas de autoprotección en caso de emerxencia.

 

Inactivismo medioambiental

 

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista interveu previamente na comparecencia da conselleira, á que lle afeou o seu “inactivismo medioambiental”, con “moitas roldas de prensa, noticias ou publicidade pero ningunha acción real”. Reclamoulle que invista en “medidas reais e non só no papel para sanear as nosas rías”, cun goberno galego asistindo “de espectador” diante das caída drástica da produción do marisco.

 

Paloma Castro criticou a pasividade da Consellería mentres os informes ecoloxistas conceden 16 bandeiras negras en Galicia pola presenza de vertidos, moitos deles con metais pesados, e polos sistemas de saneamento deficiente. As costas galegas tamén recibiron estas bandeiras negras por contaminación química, danos ao patrimonio natural, acumulación de lixo mariño, dragados e ampliacións portuarias sen xustificar ou afectación á biodiversidade.

 

Alertou de que esta situación deriva da “falla de políticas efectivas” por parte da Xunta, e require de “medidas urxentes” da administración autonómica, responsable de controlar a contaminación, os vertidos, o mal funcionamento das estacións depuradoras e a baixa calidade da auga dos ríos. Criticou  falla de investimentos do goberno galego para o saneamento “salvo que se trate de concellos do PP”, os beneficiarios case en exclusiva do reparto discrecional de fondos.

 

A responsable socialista lamentou que a conselleira comparecera no Parlamento “para ofrecer seguidismo coa política dos últimos 13 anos e confrontación co goberno central” como resumo das súas propostas para os próximos catro anos. Reclamoulle así que “abandonen o enfrontamento” coa escusa da Lei de Ordenación e Xestión do Litoral e abran o camiño ao diálogo para que o desenvolvemento económico manteña o equilibro coa conservación do medio ambiente.

 

Advertiu que o goberno galego “ofrece metas ambiciosas que despois non compren, e lembroulle a obriga de cumprir co Pacto Verde Europeo para protexer o patrimonio natural e un maior compromiso coa conservación da biodiversidade. Durante a súa intervención, a portavoz socialista responsabilizou ao goberno galego de ter provocado un “caos e futuro incerto porque non existe xestión nin planificación enerxética”.

 

Responsabilizou á conselleira de provocar inseguridade xurídica no sector eólico xa que “logo de 15 anos foron incapaces de planificar nin de regular” o desenvolvemento do sector, cunha xestión irresponsable que derivou na paralización de case 70 parques eólicos en Galicia

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Secretaría Xeral

Besteiro: “A negativa a negociar o financiamento non sae de San Caetano, sae de Génova e consuma a traizón de Rueda a Galicia”

O secretario xeral do PSdeG acusou ao presidente galego de “baixar a cabeza ante Feijóo…

19/01/2026
  • Actualidade

O PSdeG propón crear un Observatorio da Morte Digna tras o aumento histórico dos testamentos vitais en Galicia

A iniciativa, rexistrada por Elena Espinosa no Parlamento galego, vincula o crecemento da demanda co…

17/01/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista empraza á Xunta a colaborar e corresponsabilizarse coa aplicación do acordo con Mercosur con medidas de apoio á gandería

Lara Méndez reclama “responsabilidade, rigor e firmeza” das administracións, que deben garantir a eficiencia nos…

16/01/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista esíxelle a Medio Rural que levante o “bloqueo político” á nova Lei contra os incendios forestais “antes de que sexa demasiado tarde”

Carmen R. Dacosta sinala que a política contra os incendios “non se corrixe con cambios…

16/01/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista acusa ao PP de “poñerse de perfil e mirar para outro lado” diante do problema da expansión do xabaril

Lara Méndez reclama un Plan integral de control da especie e axudas ás persoas afectadas…

16/01/2026
  • Actualidade

O Grupo Socialista acusa ao PP de agochar os informes de inspección dos centros sanitarios e residenciais privados e concertados

Elena Espinosa empraza a Sanidade e Política Social a reforzar o persoal inspector e presentar…

15/01/2026