A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de presentar en Redondela unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama ao goberno galego que desbloquee as actuacións pendentes nas estradas autonómicas que transcorren por Redondela. Trátase da Po – 363, na Avda. Mendiño e o resto do tramo Redondela – Cesantes, e a Po – 250, entre Pazos de Borbén e Redondela.
A responsable socialista mantivo un encontro coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que explicou que a remodelación da PO – 363 está pendente a día de hoxe da resposta da Axencia Galega de Infraestruturas ás alegacións do Concello, para pechar o convenio co Concello. O convenio enviado previamente pola Xunta imputáballe a este o custe da semaforización, que non é competencia local, e tampouco prevía a imputación orzamentaria concreta da achega da AXI.
Leticia Gallego levará este asunto ao Parlamento de Galicia logo de constatar que a Xunta ten no seu poder as alegacións do Concello dende o mes de abril, e “a día de hoxe non ten resposta, pese a ter constancia de que foi recibido na Axencia Galega de Infraestrututras”.
Ademais, apunta que o mesmo Concello ten comunicado varias veces a urxencia da mellora do primeiro tramo da PO – 250 “polo seu alto perigo para os peóns e pola caída dun muro expropiado, sen que ata o momento teñan comezado as actuacións de reparación e ampliación do vial. Alerta de que “este problema está a causar malestar entre a veciñanza que demanda unha solución ao problema”.