A parlamentaria socialista Paloma Castro esixiulle hoxe á Xunta que “deixen de dar paus de cego e se poñan a traballar” no dragado do Lérez logo de “máis de dez anos mareando a perdiz, buscando escusas para non continuar co proxecto e utilizándoo como promesa electoral”. A responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión na que acusou ao goberno galego de “tomarlle o pelo aos pontevedreses e pontevedresas”.
Castro puntualizou que “o proxecto ten que adaptarse ao momento actual, onde o respecto polo medio ambiente ten que ser un requisito ineludible”,e acusou á Xunta de “abandonar” ao río permitindo que “ao longo dos anos fora maltratado, con vertidos industriais descontrolados e con total impunidade”. Un río, dixo, que constitúe todo un “recurso de lecer para a cidadanía pontevedresa, que non pode desfrutar como é debido”.
Reclamoulle ao goberno galego que salde unha “débeda histórica coa cidadanía pontevedresa” e remate no próximo ano un proxecto de dragado que “arrastra máis de dez anos de demora” e que agora está pendente de que a Xunta fixe unha vía para tratar os lodos sen que prexudiquen a ningunha das rías galegas.
Criticou que o último argumento do goberno galego para “botar balóns fora, desviar competencias e delegar responsabilidades” sexa sinalar á Administración Xeral do Estado para que habilite un punto para depositar o material que se extraia do río “cando saben que o Estatuto fixa a plena competencia da Xunta”. Explicou que o goberno galego “ten a obriga de buscar a solución que sexa máis sustentable”.
Lembrou o percorrido da iniciativa dende o inicio da súa tramitación en 2011 ata 2019, cando Portos de Galicia anunciou que depositaría os lodos do dragado na ría de Arousa, prexudicando ao sector pesqueiro e marisqueiro. En xaneiro de 2020 o Parlamento aprobaba unha iniciativa para pedirlle á Xunta unha alternativa sostible para depositar os lodos do Lérez sen que afecten a ningunha das rías galegas.
Sen embargo, “tanto a conselleira do Mar como a directora de Portos de Galicia seguiron defendendo o depósito dos lodos na ría de Arousa, descartando a posibilidade de retiralos e tratalos en terra polo seu alto custe e polo tráfico de camións pola cidade de Pontevedera”.