A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, advertiulle hoxe ao conselleiro de Cultura que “non terán nada que ver –coa familia Franco-, pero amparar si que os amparan”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento logo da “pereza” amosada pola Xunta para sancionar de novo á familia do ditador por manter pechado “de facto” o Pazo de Meirás ás visitas do público.
A responsable socialista lembrou a obriga legal de realizar visitas a este ben cultural, e acusou á Xunta de aceptar a redución nos horarios de apertura ao público, tal e como figura na web de Turismo do goberno galego. Ademais, explicou, a realidade é que non responden ao teléfono de contacto nin á dirección de correo electrónico que figuran para realizar as visitas, mentres “a Xunta parece que non chamou e reaccionou tarde e só cando transcendeu aos medios”.
Burgo criticou que a Xunta teña actuado “tarde, mal e arrastro”, máxime cando “este verán era máis previsible porque se presentara unha demanda civil polo goberno central para conseguir a devolución da propiedade do Pazo que a familia de Franco usurpa de forma fraudulenta”. Preguntou ademais “que vai pasar coas visitas ao novo BIC das esculturas do Pórtico da Gloria” que como tal tamén teñen a obriga de permitir.
A parlamentaria socialista respondeu ás críticas do conselleiro de Cultura contra a implicación do goberno do PSOE coa Memoria Histórica “cando foi quen levou adiante a Lei, da que o PP non cumpriu un só artigo, e que non actuou en Meirás ata que non o obrigou a presión cidadá”, unha construción declarada BIC precisamente polo goberno da Xunta presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño.
Ademais sinalou que “menos mal que está o PSOE no goberno”, porque o anterior goberno de Rajoy respondera ao informe da Deputación de A Coruña sobre a situación de Meirás advertindo que “non había ningunha posibilidade de presentar unha demanda polo Pazo, renunciando a integralo no Patrimonio Nacional”.