O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, denunciou hoxe a negativa da Xunta a dividir aos alumnos de Primaria do CEIP Virxe da Luz de Portomarín en tres aulas, como lles corresponde legalmente, para evitar contratar dous mestres máis. Álvarez presentou unha pregunta oral en Comisión na que acusou a Educación de obrigar aos alumnos a padecer que “só atendan ao criterio da sustentabilidade económica”.
O responsable socialista explicou que actualmente o CEIP Plurilingüe conta con 9 alumnos dos cursos 1º, 2º e 3º agrupados nunha aula e outros 13 de 4º, 5º e 6º agrupados noutra aula, con 3 mestres de Educación Física, Música e Inglés. Sen embargo, as directrices da dirección Xeral de Centros fixan que o alumnado de diferentes ciclos só se poderá agrupar en aulas con menos de 12 rapaces e rapazas.
Álvarez explicou que Educación Primaria repartíase en tres “ciclos” de dous cursos, que eran 1º e 2º, 3º e 4º e 5º e 6º, polo que o goberno galego incumpre esta norma no caso de Portomarín porque, explicou, “ao crear unha nova aula estarían obrigados a contratar a dous mestres máis. O parlamentario socialista criticou que “faltan instrucións claras para considerar a dimensión adecuada do número de mestres nun colexio”.
O parlamentario socialista denunciou que Lugo é actualmente a provincia na que se reduciron unha maior porcentaxe de docentes non universitarios, xa que perdeu 401 profesores no curso 2018, que se fixou en 3.784 profesores e profesoras, un 9 por cento menos que no curso anterior.