
O partido presentará en todos os concellos galegos unha moción para que a mestra Maruja Vázquez Suárez, asasinada en 1936 por defender que a escola fosse laica, igulitaria e aberta, teña o seu nome nunha rúa ou espazo público
Unha federación que este ano cumpre vinte anos traballando polo rural galego e unha investigadora que leva décadas recuperando mulleres que a historia quixo borrar. Desde sitios distintos, Fademur Galicia e Aurora Marco levan facendo o mesmo: impedir que se perda a metade da historia. Por iso o Partido Socialista de Galicia entrégalles este domingo en Ourense os seus VII Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez.
O nome que identifica os premios non é casual. Maruja Vázquez Suárez foi unha mestra asasinada en 1936 por defender que a escola fose laica, igualitaria e aberta tamén ás nenas. A secretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, subliñou que poñerlle o seu nome a estes galardóns foi “unha forma de non esquecela e de lembrar que a igualdade da que falamos hoxe foi conquistada por mulleres que moitas veces non viviron para vela”.
Nesta liña, Méndez anunciou que o PSdeG levará aos concellos de toda Galicia unha moción para que Vázquez Suárez teña o seu nome nunha rúa, nun centro educativo ou noutro espazo público. “Lembrala de verdade non é só nomeala un día ao ano”, afirmou Méndez.
Fademur Galicia: vinte anos dicindo que sen mulleres non hai rural
Fundada en 2006, Fademur Galicia agrupa preto de setenta asociacións de mulleres rurais en toda a comunidade. Dende os seus inicios, a federación puxo cifras a unha realidade que os debates sobre despoboamento e relevo xeracional adoitan ignorar: son as mulleres as que sosteñen as explotacións, os pequenos negocios e as comunidades rurais, cunha taxa de paro maior, peores contratos e salarios máis baixos que os homes nos mesmos territorios. En dúas décadas de traballo, Fademur levou esa reivindicación ás institucións e empuxou para que houbese un Estatuto das Mulleres Rurais e do Mar.
Aurora Marco: centos de biografías rescatadas do esquecemento
Aurora Marco, catedrática, investigadora e escritora, comezou nos anos oitenta a reconstruír as biografías das mulleres galegas que a historia oficial deixara fóra. Da súa investigación saíron obras como o Dicionario de mulleres galegas, As precursoras ou Mulleres na guerrilla antifranquista galega, e o documental As silenciadas, galardoado cun premio Mestre Mateo. Entre as mulleres que rescatou do esquecemento está Maruja Vázquez Suárez, a mestra que dá nome a estes premios.
“O feminismo non é unha etiqueta que sacamos en marzo”
A portavoz de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista, Paloma Castro, puxo os premios en contexto político. Para o socialismo, dixo, o feminismo “non é unha etiqueta que sacamos en marzo e gardamos en abril, senón unha forma de entender o que facemos durante todo o ano”. E advertiu que a igualdade non está rematada: mentres persistan as fendas salariais, o maior desemprego feminino e a violencia machista, con 23 mulleres asasinadas no país este ano, a loita continúa.
Castro apuntou que os premios se entregan nun momento en que “moitas voces pretenden retroceder ou vender que xa todo está feito”. Pola súa banda, a responsable de Igualdade da Executiva Nacional Galega, Natalia González, que foi quen presentou ás premiadas deste ano, fixo unha intervención na mesma liña que Paloma Castro: “Hai quen quere reescribir o pasado para borrar a estas mulleres outra vez, e quen confunde retroceder con liberdade”. O PSdeG, subliñou, ten claro de que lado está.
A entrega dos VII Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez celebrarase o domingo 8 de xuño ás 12.30 h no Pavillón dos Remedios (Ourense).