

O secretario xeral do PSdeG reclama ao Partido Popular que apoie hoxe no Congreso a ponencia coas emendas que abren o camiño á transferencia da AP9 ata acadar a gratuidade da autopista
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe en Cacheiras ao Partido Popular que apoie a ponencia que se debate este martes no Congreso dos Deputados coas emendas para a transferencia da AP-9 a Galicia, así como cada un dos pasos posteriores ata acadar a gratuidade da autopista. “Hoxe dáse un paso clave para que a AP-9 pase a ser galega”, sinalou, despois de lembrar que ás emendas impulsadas polo Partido Socialista “súmanse Sumar e o Bloque Nacionalista Galego”, e á que espera que se sumen tamén outras forzas políticas.
Besteiro avisou de que “ninguén entendería que o Partido Popular se opuxera a esta transferencia”. Por iso, agarda que vote a favor desta emenda e que referende tamén “cada un dos pasos que veñan despois, ata conseguir finalmente que esa autopista pase a ser unha autopista libre de peaxes”.
O secretario xeral do PSdeG defendeu que “levamos moito avanzado neste camiño” e lembrou as bonificacións que o Goberno de España puxo en marcha na AP-9, “que chegan ata o 75 % e que, sumadas, están preto de acadar case o 100 %”. “Estamos cerca, pero fáltannos aínda impulsos, e para iso a transferencia é o camiño axeitado”, engadiu.
Con estas bonificacións, os socialistas están a paliar os efectos da prórroga da concesión que decidiu o Goberno de Aznar e que hipotecou o futuro da infraestrutura, nunha decisión cuxa legalidade está máis que en entredito.
Besteiro recordou que o Partido Popular “sempre bloqueou esta transferencia cando gobernou en Madrid” e que, pola contra, “veñen usándoa como arma política cando gobernan os socialistas”. Neste sentido, subliñou que “o que se acaba de demostrar é que os socialistas cumprimos”, ao defender o traspaso e a gratuidade e negociar para chegar a acordos “aquí en Galicia e tamén no Congreso”.
Por todo iso, o secretario xeral do PSdeG advertiu de que, se o Partido Popular non vota a favor desta emenda e non referenda os seguintes pasos, “Rueda e o Partido Popular aquí en Galicia terán que dar moitísimas explicacións”.