

Besteiro preguntaralle a Rueda sobre a súa falla de xestión das políticas da Xunta para que Galicia aproveite todo o seu potencial, nunha sesión na que o Grupo Socialista incluirá unha interpelación sobre o conflito do servizo de Urxencias na Sanidade pública
O portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, centrará a sesión de control ao presidente da Xunta no fracaso na xestión das políticas do goberno galego para aproveitar todo o potencial para o desenvolvemento de Galicia e o benestar dos galegos e das galegas. Así o acordaron na Xunta de Portavoces que se celebrou no Parlamento de Galicia para fixar a orde do día do Pleno da próxima semana.
A continuación centrarán as iniciativas nas consecuencias da xestión da sanidade pública por parte do goberno galego, comezando por unha Interpelación diante da situación que está a vivir o servizo de Urxencias. Esixiranlle ao conselleiro de Sanidade unha valoración das protestas practicamente unánimes de tódolos xefes de servizo na sanidade pública galega para saber se vai ter en conta esta protesta e tomar decisións para mudar a xestión sanitaria.
Tamén presentarán unha pregunta oral urxente para coñecer os motivos reais do conselleiro e do goberno galego para alterar os criterios clínicos que teñen que empregar os facultativos á hora de conceder as baixas laborais. Neste sentido, levarán unha pregunta oral para reclamarlle ao goberno galego que restitúa o servizo de matrona nos centros de saúde de Cerdedo, Carballedo e Forcarei.
O pleno da próxima semana incluirá unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para que o goberno galego se comprometa a que os concursos mineiros de dereitos caducados sobre explotacións con antecedentes de conflito ambiental ou social garantan a elaboración e execución de plans integrais de restauración ambiental, avaliación dos pasivos mineiros e seguimento das afeccións sobre os recursos hídricos e os ecosistemas afectados.
A Xunta debe deixar de promover a reactivación de dereitos mineiros caducados cando estes non incorporen avaliacións ambientais rigorosas e actualizadas, garantías financeiras suficientes por parte das empresas e acrediten que non existen riscos significativos para o medio ambiente, a saúde pública e as actividades económicas da contorna.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei para que o goberno galego se comprometa a declarar o Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando como Proxecto Industrial Estratéxico, e que garanta a execución xunto co Concello de Lugo das partidas orzamentarias consignadas e que executen dunha vez os orzamentos presupostados.
Finalmente, levarán unha pregunta oral para que o conselleiro de Educación se comprometa a acometer as reformas necesarias no CEIP Virxe do Portal, en Sobrado dos Monxes, un inmoble dos anos 70 no que na época de chuvia a auga chega ao comedor, o que revela un problema estrutural que está a provocar unha situación insostible que provocou unha protesta unánime de toda a comunidade educativa.