

Silvia Longueira lembra que o PP aprobou no Debate do Estado da Autonomía a proposta do Grupo Socialista para abrir a dirección do órgano a profesionais recoñecidos mentres pola porta de atrás restrinxía a praza a persoal funcionario
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que cumpra cos compromisos parlamentarios e reverta o nomeamento da nova directora do CGAC para abrir o procedemento a persoeiros da comunidade artística e intelectual. Longueira esíxelle á Xunta que remate cos 15 anos de “deflagración deliberada” do ente dando entrada a profesionais especializados de traxectoria recoñecida.
A parlamentaria socialista explicou que o procedemento de escolla da nova directora foi restrinxido a persoal funcionario, e lle reclama ao conselleiro de Cultura que se sente coa comunidade cultural para reiniciar o proceso de escolla mediante libre concorrencia dando paso a persoas de recoñecido prestixio e traxectoria no mundo da xestión cultural.
Esixiu “reconducir a xestión da dirección artística” do centro para que os profesionais vencellados á xestión cultural poidan ter opcións e garantir así “un modelo de xestión cultural baseado na independencia crítica, na profesionalización, no respecto aos procedementos públicos e na protección das institucións”. Reclamou convocar unha mesa de escoita e traballo coa comunidade artística, cultural e profesional para entender o que supón o papel deste centro.
Longueira lembra que o propio PP acordou co Grupo Socialista no Debate do Estado da Autonomía deste ano unha Resolución para garantir a equidade no proceso de selección para a dirección das entidades artísticas. Mentres tanto e pola porta de atrás publicaban a convocatoria da dirección do CGAC restrinxida a persoal funcionario, “deixando incluso aos traballadores e traballadoras do CGAC sen a posibilidade de optar á dirección despois de máis de 30 anos de experiencia no sector”.
Advertiu que o goberno galego leva 15 anos de “afogamento, orzamentos á baixa e luz de gas” co CGAC, que supoñen a súa “deflagración deliberada” nun proceso continuado que está a supor “minimizar a súa impronta e o seu papel dinamizador tanto de cara ao espectador como da comunidade artística e investigadora”.
A escolla da nova dirección restrinxida ao persoal funcionario “verte unha grave sombra sobre a autonomía das institucións culturais públicas e sobre a credibilidade dos mecanismos democráticos destinados a garantir procesos abertos e obxectivos”. Supón, dixo, un novo paso atrás no que foi o “buque insignia” do arte contemporáneo galego e que “hoxe en día acaba de converterse nunha “institución irrelevante” diante da “preocupación e malestar dentro da comunidade artística”.