

Aitor Bouza denuncia que Ángeles Vázquez remitiulle unha circular aos alcaldes e alcaldesas coa mensaxe política do PP sobre o litoral
O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiu hoxe a comparecencia da conselleira de Medio Ambiente para dar conta do uso espurio dos recursos do seu departamento para divulgar documentación do PP. Bouza fixo público que Medio Ambiente vén de remitirlle a pasada semana aos alcaldes e alcaldesas unha misiva da conselleira con iniciativas do PP no Senado sobre o Regulamento de Costas.
Bouza acusou ao PP de “perverter unha institución como a Xunta de Galicia para un uso absolutamente partidista por parte de Rueda e da conselleira de Medio Ambiente” a través dunhas prácticas que “contraveñen os principios democráticos básicos”. Esixiu que “deixen de empregar de maneira torticeira, partidista e utilitaria unha institución pública como é a Xunta de Galicia” para dirixirse aos alcaldes e alcaldesas de Galicia como representantes de tódolos galegos e galegas.
O responsable socialista amosou o seu respecto á comunicación institucional dende o goberno galego cara aos alcaldes e alcaldesas, pero puntualizou que “a sorpresa chega cando no correo electrónico que remiten de maneira oficial cos logos da Xunta de Galicia incorporan un argumentario do PP”.
Presunción de inocencia
En resposta ás preguntas dos xornalistas, o responsable socialista trasladou o respecto ao presidente Zapatero, á xustiza e á presunción de inocencia, que “particularmente en Galicia sabemos ben do necesario que é”. Lamentou que “nos tempos nos que estamos podemos ver que se está consolidando a máxima de quen pode facer que faga”, en alusión ao lema do ex presidente do PP Jose María Aznar chamando a atacar ao PSOE por tódolos medios.
Advertiulle ao PP que “non nos van dar leccións” cando, lembrou, están a ser presididos “por unha persoa que paseaba alegremente cun narco”, lembrando as imaxes da vella amizade entre Núñez Feijóo e Marcial Dorado.