
Lara Méndez urxe a constituír canto antes a Comisión de Estudo sobre o leite impulsada por Unións Agrarias
Alerta fronte á “visión negativa” do PP e empraza a aceptar as propostas do Grupo Socialista neste órgano para mellorar a situación dun sector “imprescindible” na economía galega
A portavoz de Agricultura e Gandaría do Grupo Socialista, Lara Méndez, emprazou hoxe a constituír canto antes a Comisión de Estudo sobre o sector do leite impulsada por Unións Agrarias e emprazou ao PP a aceptar as aportacións do Grupo Socialista para garantir que sexa “operativa, resolutiva e construtiva”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral sobre a situación do sector, que está a ser “refén da industria” mentres o goberno galego “mira para outro lado”.
A responsable socialista alertou fronte á “visión negativa” e o “non por diante” do Grupo Popular nas Comisións de Estudo e Investigación e reclamou que acepten as aportacións do Grupo Socialista “para mellorar a situación” dun sector que resulta “imprescindible” na economía galega e conta coa “capacidade de ser competitivo”. Chamou a constituír un órgano “rigoroso, responsable, executivo” e que sexa “efectiva máis aló do titular dun día”.
Méndez reclamou que a Comisión de Estudo poida analizar e propoñer políticas de apoio ao sector para garantir a rendibilidade das explotacións e o relevo xeracional. Propuxo analizar o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria e o reforzo do Observatorio Galego do Sector Lácteo e promover acordos estables derivados da negociación colectiva entre o sector e a industria que garantan a cobertura dos custes de produción.
A parlamentaria socialista criticou que o goberno galego mire para outro lado mentres as explotacións gandeiras están a se converter en “reféns da industria”, que obriga a asumir contratos de venda por debaixo dos custes de produción empregando a competencia desleal de leite foránea. Sinalou que mentres aumenta a conta dos resultados da industria aumenta, Galicia está a ver como pecha unha explotación cada día pola suba de custes de produción e a caída dos prezos do leite.
Advertiu que “cada granxa que pecha incrementa máis a dependencia externa” de Galicia, mentres o sector se mobiliza para denunciar diante da Axencia de Información e Control Alimentario e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia pola vulneración da lexislación e a falla de control efectivo do sector do leite.