

Carmen R. Dacosta critica que “substitúen a prevención real por propaganda e externalización” nun documento que repite os erros de 2025 e muda “presenta humana por cámaras e drons”
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe ao goberno galego de presentar o Plan de Prevención contra os Incendios Forestais -Pladiga- de novo “meses tarde, ás agochadas e sen facer un mínimo de autocrítica”. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Defensa do Monte no Parlamento, onde Dacosta alertou de que o Plan repite os erros que provocaron que 2025 fora o peor ano de incendios da historia de Galicia.
A responsable socialista criticou que o goberno galego non teña aprendido “practicamente nada” do pasado verán e volveron aprobar o Pladiga tan fóra de prazo que xa tiñan rexistrado os primeiros incendios do ano na Laracha e Pontearas. Dacosta sinalou que o documento tiña que ter sido aprobado en outubro do ano pasado, pero agardaron ata o Consello do 13 de abril deste ano, “como se non existiran lumes de sexta xeración, brigadistas feridos nin aldeas cercadas polo lume”.
Advertiu que a comparecencia de hoxe provoca “un déjà vú”, que replica o mesmo escenario do ano pasado para presentar un Pladiga que “non aprende practicamente nada do sucedido en 2025”. Este documento chega hoxe ao Parlamento, “tarde para planificar, para executar, para reaccionar e para asumir responsabilidades”, que volve desatender á prevención e converte o territorio “nun polvorín” cada verán.
Criticou que o goberno galego repite un ano máis un sistema “baseado na improvisación, na precariedade e na externalización”, recorrendo a dispositivos externos e temporais. Citou o caso “paradigmático” de Seaga, con 42 brigadas novas e 181 efectivos con contratos de 90 días de persoal “sen experiencia previa, con salarios inferiores e peores condicións laborais”, concentradas en Ourense, o que “evidencia que saben perfectamente que o operativo estrutural non chega”.
Explicou que están afrontando uns incendios do século XXI “cun operativo pensado para os incendios de hai trinta anos”. Explicou que “seguimos sen ordenación seria do territorio, sen prevención continua, sen profesionalización suficiente, sen avaliación independente nin autocrítica, mentres o rural permanece abandonado e acumulando biomasa sen limpar ano tras ano.
Advertiu que a Xunta substitúa a prevención real por “propaganda e externalización”, con menos presenza humana no territorio, deixando a vixilancia a cámaras e drons que “detectan unha porcentaxe mínima” dos conatos de incendio que poden ver os profesionais. Dacosta esixiulle ao alto cargo que priorice a formación, coordinación, os equipamentos, a integración no operativo e a estabilidade dos equipos.
A responsable socialista esixiu un “cambio profundo de modelo” para establecer un servizo público “único, profesional, estable, coordinado, con formación continua, con presenza permanente no territorio e plenamente dependente da Xunta”. Reclamou un novo sistema con máis prevención real, estrutura pública, profesoinalización, planificación territorial, estabilidade laboral dos profesionais e máis adaptado ao territorio.