

Lara Méndez defendeu que o traballo do órgano debería servir para impulsar modificacións normativas que garantan, entre outras cousas, “que os rezos non mermen, senón que se incrementen, para que as explotacións sexan viables”
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, celebrou esta mañá que a Xunta e o Partido Popular aceptasen a proposta de Unións Agrarias para que o Parlamento galego cree unha comisión de estudo sobre a situación do sector lácteo.
Tras reunirse co secretario xeral de UU.AA., Méndez celebrou que, “segundo parece”, a posta en marcha dese órgano vaia contar coa unanimidade dos grupos políticos. Felicitouse tamén por que o PP manifeste agora que vai dar o seu apoio a esa iniciativa. “É aceptar e admitir que realmente hai un problema”, asegurou.
Para a deputada socialista este é “un punto de partida importantísimo, porque se se nega a existencia dun problema no sector, malamente se poden dar solucións”. Nese senso, lamentou que os populares adoiten “manter un dobre discurso, en función de quen lles traslade as peticións”.
Lara Méndez sinalou que a comisión debe servir para analizar, especialmente os prezos do leite, “pola inmediatez do problema, xa que hai que pechar os contratos coa industria”, pero tamén cuestións que, como a falta de relevo xeracional, afectan ao sector. “Debería servir para conseguir que os prezos non mermen e, na medida do posible, se incrementen para que as explotacións sexan viables”, subliñou, e engadiu que “non se lles pode pedir aos gandeiros e ás gandeiras que traballen para pagar gastos”.
A parlamentaria do PSdeG recordou que en Galicia pecha unha explotación practicamente cada día, e defendeu que a comisión ten que servir para establecer “unha folla de ruta” que defina “que modelos queremos para manter o territorio vivo”.
Reclamou tamén o mantemento dos fondos da PAC e, nese punto, criticou a deficiente xestión da Xunta, que, por exemplo, en 2024 deixou sen atender o 70 % dos plans de mellora da incorporación, mentres que no 2025 “non se resolveron, e no 26 o que fai é sumar a partida que non se aplicou no 25”.
Ademais, subliñou que o apoio ao sector primario galego debe estar “acompasado con outras cuestións, coma os servizos que se prestan no rural, co fin de facelo rendible e atractivo para a xente moza”.
Corrixir “a posición de abuso”
Roberto García confiou en que a comisión parlamentaria “permita corrixir situacións que deron lugar a unha posición de abuso por parte da industria, que impón unilateralmente contratos e ameaza con non recoller o leite”. Reclamoulles aos parlamentarios que traballen “de forma construtiva para ver que modificacións hai que facer tanto na normativa estatal coma na autonómica”.
Segundo avanzou, Unións Agrarias proporá que comparezan membros das cadeas de distribución e das principais industrias “para que acheguen tamén o seu punto de vista, porque cremos que a comisión será operativa se non se fai contra ninguén e se fai a favor da transparencia na formación dos prezos”.