
O secretario xeral do PSdeG insta a Rueda a desautorizar a moción e a respectar “o camiño das votacións”
Besteiro lembrou a resposta cidadá xa producida nas rúas de Lugo, cunha mobilización que cualificou de “multitudinaria”, cunha mensaxe clara: “democracia, si; transfuguismo, non”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo hoxe un chamamento a frear a moción de censura prevista no Concello de Lugo e pediu ao Partido Popular que recapacite antes da súa votación.
“Quedan días para que se vote esa moción e eu sigo insistindo en que se recapacite para non apostar por ela”, sinalou, ao tempo que pediu tamén que a concelleira implicada “replantee a posición porque aínda ten retorno”.
Besteiro advertiu de que, de seguir adiante, se estará ante “esa compravenda insana dos valores democráticos”, e subliñou que haberá unha resposta atenta ao que aconteza nos próximos días.
O líder socialista reclamou directamente a Alfonso Rueda que desautorice a operación e aposte por respectar as regras democráticas. “Hai outro camiño, que é o das votacións, onde a veciñanza poderá decidir dentro dun ano”, lembrou.
Besteiro puxo tamén o foco na resposta cidadá xa producida nas rúas de Lugo, cunha mobilización que cualificou de “multitudinaria”, e cunha mensaxe clara: “democracia, si; transfuguismo, non”.