

Alerta da “gravísima obsesión co poder” da responsable do PP de Lugo, cunha traxectoria política construída en base a “compincheos para presentar anónimos, compra de votos e negociar mocións de censura en tanatorios”
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, apuntou hoxe que o informe do Consello de Contas sobre o exercicio de 2024 presentado onte constata que a Xunta ten “pouco investimento -en sanidade-, mal dirixido e un colectivo de profesionais moi pouco coidado”. O responsable socialista esixiu o reordenamento do sistema para reforzar a plantilla de persoal e reducir as esperas en atención primaria a 48 horas.
Torrado advertiu que o goberno galego está a demostrarse “moi entrenado en facer as cousas mal” sinaladamente en sanidade, como demostrou o informe coñecido onte, que revela que Galicia está xa por debaixo da media no investimento por habitante en sanidade e é a segunda Comunidade Autónoma do Estado que menos inviste en Atención Primaria.
O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que tome medidas urxentes diante da situación precaria do persoal sanitario, logo de que Contas alertara de que un cada catro profesionais da sanidade galega teñen un contrato temporal. Sinalou que esta situación constitúe “unha aberración” nun sistema sanitario “que necesita especialización, que necesita moitísima eficiencia e profesionais vinculados e estables”.
Acusou ao goberno galego de xestionar os recursos humanos do sistema sanitario “tirando un dado”, logo de que o ente fiscalizador alertara de que as convocatorias de contratación de persoal, anunciadas durante anos “non se convocan de maneira real”, con anuncios de convocatorias “acumuladas pero non se concretan en dous ou tres anos”.
Este informe, dixo, sinala a “incapacidade” do goberno galego, que mantén 500.000 galegos e galegas nas listas de espera da sanidade, os dependentes teñen que agardar ano e medio pola resolución para solicitar as axudas e 30.000 persoas demandantes de vivenda pública, pero pechou 2024 cun superávit de 191 millóns de euros que “non sabemos a que dedicaron”.
O responsable socialista emprazou ao goberno galego a reordenar o sistema sanitario para reforzar a plantilla de profesionais sanitarios e garantir cita na atención primaria en 48 horas como máximo, tal e como veñen reclamando os socialistas galegos no Parlamento de Galicia.
Lugo
O responsable socialista alertou hoxe fronte á “gravísimo problema de obsesión co poder” da máxima responsable do PP de Lugo, e lembrou a súa traxectoria política construída “a base de compincheos para presentar anónimos para intentar destruír” aos adversarios políticos. Ademais de, continuou, “a compra de votos para chegar a postos, e negociar mocións de censura nun tanatorio aproveitándose do falecemento das persoas”.
Aludiu así ás denuncias arquivadas contra o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, a chegada de Candia á presidencia da Deputación de Lugo na anterior lexislatura e agora a presentación dunha nova moción de censura no Concello. Advertiu que “as persoas que se obsesionan co poder me parecen moi perigosas”, e sinalou que cidadanía de Lugo “está a dar un exemplo” de civismo ao organizarse na concentración de protesta que terá lugar esta mesma tarde.
Apelou ás eleccións municipais que terán lugar o próximo ano e que “poderá ser o momento no que a cidadanía de Lugo poderase desprender das persoas que non están aportando nada máis que dificultades, baixezas e un nivel ético absolutamente deplorable na política e en xeral como imaxe da vida”.
Finalmente, Torrado aludiu á homenaxe cidadá, celebrada onte en Santiago, ao ex fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, ao que sinalou como “o Atticus Finch da democracia moderna deste país”, citando ao protagonista da obra de Harper Lee “Matar a un ruiseñor”. Sinalou neste sentido que “unha xustiza que non é capaz de explicar as súas decisións ten un problema de credibilidade”, e lembrou que o procedemento continúa e “eu agardo que se faga xustiza”.